O plan de Endesa para fechar a central das Pontes desatende o seu impacto na comarca

O Concello das Pontes considera que o plan presentado por Endesa para o desmantelamento da central térmica "desvirtúa e alixeira" o impacto que terá o seu fechamento para o municipio e a comarca.
Central térmica das Pontes (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Central térmica das Pontes (Imaxe: Europa Press)

As alegación presentadas polo Concello das Pontes ao proxecto de avaliación ambiental para o fechamento da central térmica consideran que este “desvirtúa e alixeira” o impacto que o desmantelamento da planta terá no municipio e na comarca.

O documento foi elaborado por unha equipa de técnicas e técnicos e expertos municipais e demanda que o plan de desmantelamento da térmica sexa autorizado a través dun procedemento ordinario e non simplificado.

"O plan presentado por Endesa desvirtúa e alixeira o impacto que o fechamento da central térmica ten sobre o noso municipio e a comarca", sinalou a responsábel de Industria do concello, Ana Pena.

Nun comunicado emitido este sábado, 26 de setembro, a concelleira remarca que a central das Pontes supera os 300 megavatios e o seu impacto tanto laboral como económico na comarca é de "entre 1.000 e 1.400 postos de traballo directos e indirectos", ademais de supor "case 7 millóns de euros de recadación nas arcas municipais" e roldar os 25 millóns de euros en xeración de economía na comarca cada ano.

Por iso, o Goberno local cre que Endesa "non presenta datos que cuantifiquen as consecuencias do plan de desmantelamento que presenta".

Así, As Pontes demanda que o plan se realice a través dun procedemento ordinario para que exista un "seguimento exhaustivo" do proceso de fechamento da central e que se poñan sobre a mesa alternativas para a economía da zona, que para o concello pasan por converter parte da planta para dedicala á produción de enerxía eléctrica con biomasa.

Por último, o Goberno municipal tamén mostra as súas dúbidas sobre o impacto que pode supor o plan sobre o patrimonio cultural do concell, xa que advirte que a proximidade á planta de zonas como A Vilabella e a súa igrexa ou a mámoa da Mourela "fainas susceptíbeis de vérense afectadas por este proxecto de demolición", que, segundo o municipio, tamén podería impactar no río Eume.

Comentarios