O plan para as celebracións do Nadal, aínda está no ar

O Ministerio de Sanidade e varias comunidades autónomas presentaron hoxe plans para as celebracións do Nadal na pandemia. Porén, a reunión interterritorial acabou sen documento final, producíndose ademais diferenzas sobre o número de non conviventes que se poderán xuntar. 
Sánchez, que tivo unha reunión de traballo en Baleares, afirmou que haberá acordo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sánchez, que tivo unha reunión de traballo en Baleares, afirmou que haberá acordo. (Foto: Europa Press)

O Goberno español e algunhas comunidades autónomas presentaron propostas sobre a estratexia para o Nadal durante a realización do Consello Interterritorial de Saúde no día de hoxe. Con todo, o debate non se fechou e ficou aprazado para, previsibelmente, a semana que vén, así como a aprobación do documento final.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, comentou que na reunión se aludiu ao borrador estatal de 'Propostas de medidas de saúde pública fronte á Covid-19 para a celebración das festas do Nadal', e que se acordou seguir traballando nel. Este documento avoga por reducir os eventos sociais, priorizar as reunións entre conviventes e, de haber persoas externas, non superar as seis. 

Con todo, parece que non será un documento homoxéneo e que incluirá recomendacións xerais, sendo cada comunidade quen definirá as medidas no seu territorio en función da súa situación epidemiolóxica, segundo avanzou Salvador Illa.

O Goberno da Comunidade de Madrid propuxo permitir reunións de até 10 persoas e alongar media hora, até as 01.30 horas, o recoller obrigatorio en Noiteboa e Fin de Ano (a proposta estatal fíxao á 1 da mañá). Aliás, o vicepresidente madrileño asegurou que o fechamento de Madrid no Nadal non está previsto. 

O Executivo de Murcia xa se amosou partidario de "relaxar as medidas de limitación de persoas, recoller obrigatorio e fechamento perimetral se a evolución epidemiolóxica for favorábel" e, nese caso, vería ben reunións de até 10 persoas.

O presidente andaluz falou de computar "de maneira diferente" as crianzas e poder superar así a restrición de seis persoas en caso de haber menores, igual que sucedeu na Galiza, e a conselleira da Presidencia da Generalitat xa anunciou que o Govern catalán tomará "as súas propias decisións".

O mandatario español, Pedro Sánchez, asegurou esta cuarta feira que a proposta estará consensuada coas comunidade pero advertiu de que limitar as reunións a seis persoas non é "un capricho". Segundo dixo, esa é a cifra que as e os profesionais sanitarios marcan precisa para evitar que estoure a curva de contaxios".

Comentarios