Pino, afín a Arrimadas, gaña as primarias na Galiza e será a candidata á Xunta

O segundo candidato máis votado, apoiado por Igea, obtivo 42,42% dos votos.

beatriz pino ciudadanos EP

Ciudadanos (Cs) anunciou que Beatriz Pino, ex deputada e membro da Xestora do partido, gañou as primarias na Galiza, polo que será a candidata á Presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas do próximo 5 de abril. Con todo, o resultado foi moi axustado entre Pino e o aspirante apoiado polo sector crítico de Cs, Manuel Jesús Morgade.

Nun comunicado, Cs informou de que nas primarias, onde as afiliadas votaron por vía telemática, a participación alcanzou 56,41%.

En canto ao apoio obtido por cada candidato, a formación laranxa facilitou as porcentaxes de voto recibidos polos dous aspirantes máis votados --Pino, 47,27%, e Morgade, 42,42%--, pero non deu os datos dos outros catro candidatos nin dixo cantos afiliadas votaron a cada un.

Beatriz Pino celebrou a súa elección como candidata a presidenta da Xunta publicando unha mensaxe na súa conta de Twitter onde agradeceu a todos os afiliados a súa "confianza" nestas primarias.

"Voume deixar a pel defendendo a liberdade, a igualdade e a unión en Galiza. O 5-A frearemos o nacionalismo e o populismo nas urnas .Conto con vós!", escribiu.

Pino --Vigo, 1975-- estreouse como deputada por Pontevedra no Congreso após as eleccións xerais de abril de 2019, aínda que cando se repetiron en novembro quedou fóra da Cámara Baixa --a formación laranxa non conseguiu representación na Galiza.

É xornalista, licenciada pola Universidade Carlos III de Madrid, e traballou en medios de comunicación como Telemadrid, a TVG e Antena 3. Antes de implicarse activamente na formación, era asesora de comunicación de Ciudadanos.

Comentarios