Opinión

Piñeirismo again

Aymerich xustifica o seu abandono do BNG co argumento de que na fronte nacionalista non ten espazo para traballar e que a súa presenza noutros espazos será máis útil para o avanzo do ideario soberanista. Apunta, claro, a Marea. Vén dicer que o seu concurso nela -o seu e o da xente que eventualmente o acompañe na aventura- afortalará o nacionalismo dentro desa plataforma.

Examinemos o argumento. É moi similar ao empregado en períodos históricos anteriores por dirixentes que se animaban a galeguizar/nacionalizar estruturas políticas non suficentemente galeguizadas ou nacionalizadas (ou sexa, dependentes en maior ou menor medida de dinámicas españolas). Escuso nomealos. Están na memoria de todos, como tamén están o que foi deles e o escaso suceso da operación do ponto de vista do avanzo das ideas nacionalistas.

A historia non ten por que se repetir, claro, se se repetisen sempre as historias a vida sería aborrecíbel por previsíbel

A historia non ten por que se repetir, claro, se se repetisen sempre as historias a vida sería aborrecíbel por previsíbel, mais os indicios non son precisamente promisorios nen alentadores para Aymerich. Un dos principios fundamentais do nacionalismo é a auto-organización e ese principio non ten cabida posíbel cando se partilla espazo con forzas que teñen o seu centro de decisión en Madrid. Iso é empiricamente así, sobre todo cando a relación non é en pé de igualdade, senón que se produce subordinación. O debate de investidura en curso no Congreso dos Deputados cuase nos poupa os comentarios. Baste dicer que os 6 deputados de En Marea equivalen a 3 minutos na primeira quenda dialéctica con Sánchez -no discurso inicial do grupo confederal Podemos- e 0 minutos na réplica/contraréplica.

Mais examinemos tamén que fan por nacionalizar o discurso os nacionalistas que xa están na Marea. Na súa xiria a palabra nacionalista brilla por súa ausencia. A liña tracéxaa Martiño Noriega e os seus apelos permanentes á “esquerda social”, nicho ao que queren confinar todo o proxecto, a simplificación da realidade política galega no eixo da esquerda-direita e non no eixo dependencia-emancipación. A outra variante achegouna con inusitada franqueza Xulio Ferreiro, cando declarou que el era nacionalista mais que desde a Alcaldía non ía exercer como tal (alguén concibe que dixese que el era de esquerdas, mais que non ía exercer como tal?). Na unidade aquí se sacrifica unha das partes que se une -a nacionalista- porque non é unidade entre iguais, éo con estruturas (nomeadamente Podemos) que xa fan parte do establishment estatal (que xa son alicerces dun novo réxime, o que lampedusianamente irá substituír o do 78) e que teñen máis poder (de todo tipo, sobre todo mediático) do que as galegas.

Examinemos tamén que fan por nacionalizar o discurso os nacionalistas que xa están na Marea

Pensará talvez Aymerich que a súa presenza pode modificar a actual correlación de forzas dentro da Marea? Animaranse Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, coa achega de Aymerich, a demandar o escoramento cara ao nacionalismo da plataforma? Asumirá Yolanda Díaz esta xiradela? Colaborarán os dirixentes de Podemos que impoñen desde Madrid a dirección galega? E que dicermos do inefábel García Buitrón e a súa equiparación da Galiza con Estremadura?

A pretensión de galeguizar unha estrutura política que apresenta candidaturas que teñen que ser previamente peneiradas en órgaos políticos con sede en Madrid é algo que se chama piñeirismo e é un atavismo de dirixentes na orixe provenientes do nacionalismo. Agoiro á operación pouco ou ningún suceso. Mais estaremos atentos á xogada.

Comentarios