Pilar Cancela, número 1 do PSOE pola Coruña

"O PSOE fará da demografía unha das principais prioridades do novo goberno"

Pilar Cancela Rodríguez é a cabeza de lista do PSOE ás eleccións xerais pola Coruña. Nada en Stuttgart en 1967, de nai e pai emigrantes, viviu de pequena entre Alemaña e Venezuela. Estudou Dereito na USC e é funcionara de carreira no corpo superior da administración galega. Nesta lexislatura foi electa deputada no Congreso e integra a comisión executiva federal do PSOE.

pilar cancela
photo_camera Pilar Cancela

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

A súa autonomía. Feixoo está rendido a Pablo Casado, axeonllado en vasalaxe, e con el rende tamén a todo o pobo galego. Non llo podemos permitir. E menos cando o PP quere recortar as pensións e dinamitar, xunto con Vox e Ciudadanos, o modelo de Estado que máis estabilidade e mellor democracia ten dado a Galiza.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Unha oportunidade perdida. Os anos de Raxoi foron nefastos para Galiza: cun PP que nos negou competencias e nos recortou orzamentos. Retrocedemos en benestar e en posibilidades de progreso. O PSOE de Pedro Sánchez, en poucos meses, demostrou o moito que un goberno con ideas e forza é capaz de facer. O vindeiro 28A, co noso voto, podemos transformar esa demostración nunha posibilidade real, sólida e estábel.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

A demografía, o desenvolvemento industrial e a calidade dos servizos públicos. Os mesmos tres problemas que levamos anos arrastrando, e que o PP se nega reiteradamente a afrontar por medo. O PSOE fará da demografía unha das principais prioridades do novo goberno español. De solucionar este problema dependen outros moitos: como o traballo, as pensións ou as axudas ao desemprego.

"Da historia socialista, quédome con María Teresa Fernández de la Vega"

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Da historia socialista, quédome con María Teresa Fernández de la Vega: unha muller de principios e valente que sempre defendeu o progreso colectivo por riba dos intereses partidistas. Fixo un traballo extraordinario no Congreso, no goberno, e agora tamén no Consello de Estado. O seu exemplo resoará aínda por moito tempo e, espero, impulsará a moitas mulleres a participar activamente en política. Aínda somos poucas.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Un Pacto Demográfico de todas as administracións a todos os niveis, desde os concellos até o Estado, pasando polas autonomías. As políticas demográficas son un eixo estratéxico fundamental para garantir o desenvolvemento do benestar colectivo. Moitas políticas públicas básicas dependen dun Estado sostíbel, e esta sostibilidade garántese cunha poboación activa moza, libre, sa e ben formada. Velaquí o obxectivo do PSOE con este Pacto Demográfico.

"Depende do noso voto que o que pase sexa bo. Fagamos que pase"

Como ve as opcións do PSOE na cita electoral?

 A xente será quen decida o futuro de España o vindeiro 28A. Respecto a súa vontade e cústame emitir un vaticinio. Tamén é certo que as opcións están claras: involución ou seguirmos afianzando conquistas sociais e de dereitos. Non é ameaza, é realidade porque está pasando. Depende do noso voto que o que pase sexa bo. Fagamos que pase.

Comentarios