Piden un reparto de vacinas acorde ao volume de persoas maiores de 80 anos na Galiza

Populares e nacionalistas demandan ao Goberno estatal que a repartición de vacinas se realice segundo a porcentaxe que representa o colectivo de maiores de 80 anos en cada comunidade. Até 8,2% das e dos cidadáns maiores de 80 anos residen na Galiza.
Un paciente recibe unha vacina. (Foto: Europa Press)
photo_camera Un paciente recibe unha vacina. (Foto: Europa Press)

Coincidindo co día en que iniciou na Galiza a vacinación da Covid-19 ás persoas maiores de 80 anos, tanto o Partido Popular como o Bloque Nacionalista Galego solicitaron ao Goberno estatal que a repartición das doses se realice segundo a porcentaxe que representa este colectivo de idade en cada comunidade. 

Nunha rolda de prensa, esta segunda feira, 22 de febreiro, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, pediu que o Executivo estatal "forneza a Galiza da parte das vacinas que lle corresponde por poboación", unha demanda que o portavoz do PP no Parlamento, Pedro Puy, sinalou que a Xunta defendeu "durante semanas" tras ser preguntado ao respecto.

En concreto, Pontón explicou que 8,2% das e dos cidadáns do Estado maiores de 80 anos residen na Galiza.

Por este motivo, reivindicou que, "sexa cal for o número de vacinas que se distribúan nestas semanas", debe garantirse que "8,2% das doses cheguen á Galiza", o que permitirá "poder atender a porcentaxe de poboación que corresponde" e que as galegas e os galegos "non vexan diminuído o ritmo de vacinación".

"Se o Goberno estatal entrega esta semana 200.000 doses, tería que dotar a Galiza de 16.400. Nin unha menos", advertiu Pontón.

Aliviar as tensións

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu nos medios chamando a desconfinar de acordo co comité clínico que asesora a Xunta: avanzando na apertura da hostalaría, no levantamento dos fechamentos perimetrais e nas reunións con non conviventes "con prudencia".

E ante a previsión de que as consecuencias da  Covid-19 duren "meses" e mesmo "anos" e se avance "cara a unha nova realidade", Caballero fixo un chamamento "á tolerancia, á convivencia e á moderación de todos e de todas", logo dos episodios de disturbios que estes días se viviron nalgunhas cidades de España. Avogou tamén por reforzar o Estado do benestar.

Comentarios