Piden unha investigación policial pola detención do capitán do Dépor

O sindicato Unión Federal de Policía (UFP) solicita que se abra unha investigación interna pola actuación policial na que se detivo o capitán do Real Club Deportivo, Álex Bergantiños, no curso do 'caso Fuenlabrada'.
2020081120112484269
photo_camera Álex Bergantiños.
O xogador foi levado a dependencias policiais hai unha semana polo contido dun audio de Whatsapp no que o xogador falaba cos seus compañeiros sobre o partido do Dépor contra o Fuenlabrada da Segunda División, suspendido por varios casos positivos de coronavirus na delegación do equipo rival.

Nunha comunicación dirixida ao director xeral da Policía, Francisco Pardo, a organización sindical solicita que se investigue a actuación do ex director adxunto operativo (DAO), Florentino Villabona, quen, tras a súa xubilación pasou a traballar para A Liga de Fútbol, "por se utilizase funcionarios policiais para o seu uso como integrante dunha institución privada".

A UFP pide explicacións adicionais da Dirección Xeral polo arresto do xogador do Dépor, tras unha denuncia por un posíbel delito de corrupción no ámbito deportivo, derivada da cualificación que Bergantiños fixo daquel partido, que definiu de "paripé", nun audio que foi filtrado aos medios.

Após a súa comparecencia policial, o centrocampista quedou en liberdade sen imposición de medida ningunha.

A actuación policial contra o deportista xa foi cuestionada nun auto xudicial por terse levado a a cabo "baseándose nun simple audio de Whatsapp no que non hai evidencia algunha de manipulación de ningún partido". Segundo alega o sindicato policial na súa carta, que asina o seu secretario xeral, Víctor Manuel Duque León, a resolución do xulgado coruñés advirte que "habería que ter máis coidado á hora de utilizar os recursos públicos e non malgastalos en asuntos sen relevancia".

Tamén lembra a UFP que a denuncia polo audio interpúxose o mesmo día da detención de Bergantiños, despois de que a Comisaría Xeral de Policía Xudicial dispuxese o traslado de dous funcionarios do Centro Nacional de Policía de Integridade no Deportes e Apostas.

O partido Deportivo-Fuenlabrada foi aprazado in extremis, na mesma tarde da súa celebración, polos positivos en Covid-19 no equipo madrileño, o que marcou o descenso do club coruñés á segunda B sen poder xogar nas mesmas condicións que os rivais.  Xogouse finalmente o pasado día 7, con victoria para o equipo coruñés

Comentarios