Piden o cesamento do xefe do Estado Maior de Defensa por vacinarse sen pertencer a colectivo vulnerábel

Polémica após a vacinación de altos mando do exército, incluído o xefe do Estado Maior da Defensa (XEMAD), logo de que unha vintena de cargos políticos, entres eles dous conselleiros de Sanidade do PP, saltasen o a orde de vacinación e recibisen a primeira dose contra a Covid-19. 
 
O xeneral Miguel Ángel Villarroya (Foto: Moncloa)
photo_camera O xeneral Miguel Ángel Villarroya (Foto: Moncloa)

Após os casos de diversos alcaldes e dos conselleiros de Sanidade do PP en Ceuta e Murcia que recibiron a solución de Pfizer contra o coronavirus sen pertenceren aos grupos de vacinación que se estipularon prioritarios no protocolo do Ministerio, chegou a nova da vacinación do xefe do Estado Maior da Defensa (XEMAD), o xeneral Miguel Ángel Villarroya, e outros altos cargos militares que tamén saltaron a cola e xa recibiron a primeira dose.

A ministra de Defensa, Margarita Robles, asegurou que non coñeceu a información até vela publicada esta sexta feira, 22 de xaneiro, nos medios de comunicación e pediu un informe ao XEMAD para coñecer en detalle o protocolo que se seguiu para estabelecer as prioridades de vacinación dentro do Estado Maior da Defensa (EMAD).

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o de EH Bildu, Jon Inarritu, foron dous dos parlamentares que criticaron estes feitos.  "Outra polémica vacinación fóra de protocolo. Ou as normas non van con eles? Supoño que dimitirán, non?", escribiu o nacionaluista galego. Iñarritu preguntouse con ironía se o XEMAD dimitiría. O portavoz adxunto de Unidas Podemos no Congreso, Enrique Santiago, afirmou que "se é verdade que o XEMAD foi vacinado, debe dimitir ou ser cesado polo presidente" e pediu a Robles que dea explicacións.

A xustificación do EMAD é que as Forzas Armadas teñen asignadas unha cantidade de doses alén das repartidas ás comunidades autónomas para a poboación civil. Con todo, tamén hai uns grupos prioritarios, que seguen esta orde: persoal sanitario militar, militares que participarán de misións internacionais e, en último lugar, a estrutura de mando, seguindo un criterio de idade. 

Ademais dos casos de conselleiros do PP e dos alcaldes de diversos partidos vacinados sen ser a súa quenda no Estado español, na Galiza hai 17 informáticos da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés que recibiron a primeira dose que, desde a xerencia desta área sanitaria, xustifican a causa dun "erro", xa que non son persoal médico de loita contra a Covid-19.
Ademais, nas últimas horas afloraron varias denuncias que apuntan a que directivos da empresa  Ambuibérica, de ambulancias, foron vacinados antes que o persoal sanitario desta empresa que traballa en Cantabria e nas provincias   de Valladolid e Zamora.

Puig expón o debate de non administrar a sgunda dose

Tras o incremento de casos de cargos que se vacinaron a pesar de non pertencer ao primeiro grupo de vacinación, o presidente do País Valencià, Ximo Puig, comunidade onde máis políticos recibiron a primeira dose, expuxo o debate de que estas persoas non reciban a segunda dose.

"Dígoo con total contundencia", asegurou o presidente valenciano, que cifraba en 200 as persoas que recibirían na súa comunidade a primeira dose da vacina a pesar de non ser grupos de risco. 

Comentarios