As pías bautismais románicas espoliadas por Carmen Polo

Na igrexa de San Xián de Moraime de Muxía
San_Xián_de_Moraime_- 2
photo_camera A igrexa de San Xián de Moraime, en Muxía. Foto: Dolores Paderne (Galipedia).

O saqueo do patrimonio cultural galego realizado pola familia Franco vai máis alá do célebre caso das estatuas do Mestre Mateo. A usurpación destas alfaias medievais abriu recentemente un litixio entre os herdeiros do ditador e o Concello de Compostela. Outro conflito menos coñecido pero non menos significativo leva xa anos en marcha na Costa da Morte: o que sostén a veciñanza en defensa das pías bautismais románicas da igrexa de San Xián de Moraime, en Muxía, espoliadas por Carmen Polo nos anos 60. O BNG da zona convocou hoxe, á unha e media do mediodía, unha concentración perante o templo para reclamar a devolución das pezas.

A historia presenta non poucas analoxías coa das esculturas do Mestre Mateo. Carme Polo, esposa de Francisco Franco, visitou a mencionada igrexa e interesouse polas pías, daquela no patio da casa reitoral. Pediunas para levalas ao pazo de Meirás, en Sada, e ordenou ao crego José Barrientos que obtivese os permisos. Ao día seguinte pasou un camión para recollelas. Segundo explica o BNG, "nunca se tramitou ningún permiso". Barrientos comunicoullo por escrito ao arcebispado. O vicario da diócese decidiu non reclamar naquel momento as pías.

Diante do notario

En 1980, o crego fixo constar ante notario o sucedido case 20 anos antes. Outro sacerdote, Celso Alcaina, deu fe e realizou algunhas xestións na Xunta e mais no Goberno central, sen resultado. En 2010, o daquela alcalde de Muxía -Félix Porto, do PSdeG- remitiu unha carta ao Executivo de Feixoo para que "se adoptasen as medidas necesarias para a recuperación das pías". Non houbo resposta.

Hai dous anos, a Xunta afirmou que, ao se tratar de patrimonio da Igrexa, non lle correspondía reclamar as pías. Desde o BNG, porén, entenden que ao se tratar o templo de San Xián de Moraime dun Ben de Interese Cultural, o Goberno galego "ten a obriga de velar pola súa conservación, protección, salvagarda e seguridade". Ademais lembra a existencia dunha comisión mixta entre a Xunta e a Igrexa que, entre as súas tarefas, ten a de "actuar como órgano de asesoramento da consellaría para a protección, conservación, fomento e difusión do patrimonio de titularidade eclesiástica con valor cultural".

Nin a Igrexa nin a Xunta tomaron medidas para recuperar as mencionadas pías. O BNG levará unha proposición non de lei ao respecto ao Parlamento da Galiza. Tamén o Partido Socialista levou o asunto á Cámara galega. 

Comentarios