7, 14, 21 e 28 de febreiro

A AS-PG e a Alexandre Bóveda organizan as xornadas Patrimonio e Memoria

Catro palestras nas catro quintas feiras de febreiro servirán á asociación cultural Alexandre Bóveda e á AS-PG para reflexionar sobre o patrimonio e a memoria colectivos. De feito, así se denominan as xornadas que comezan este 7 de febreiro, ás 19.30 horas, no local da A.C. Alexandre Bóveda, na Coruña.
 

Cadro de declamación da Irmandade da Coruña. Atópanse presentes, entre outras, Elvira Bao, Carme Chao, Micaela Chao, Carme Meléndrez, Tulia Meléndrez, Luísa Castelo e Víctor Casas. A Coruña 1921
photo_camera Cadro de declamación da Irmandade da Coruña. Atópanse presentes, entre outras, Elvira Bao, Carme Chao, Micaela Chao, Carme Meléndrez, Tulia Meléndrez, Luísa Castelo e Víctor Casas. A Coruña 1921. Imaxe: cedida.

patrimoniogalego.net, un catálogo social do patrimonio cultural de Galiza será o título desta primeira intervención, a cargo de Sole Felloza. Integrante do proxecto web, explicará os obxectivos dese “catálogo social do patrimonio cultural galego”, que na actualidade conta con máis de 10.000 bens inventariados.

A quinta feira 14 de febreiro, Encarna Lago -xerente da Rede Museística Provincial de Lugo- falará sobre a necesidade de “reformular a institución en clave de diversidade e igualdade”. Titúlase Perigo! Os museos inclusivos transforman sociedades e territorios. A terceira das palestras, o 21 de febreiro, centrarase na toponimia como ferramenta para reconstruír a memoria colectiva. Neste caso da cidade da Coruña, e ofreceraa Iván Méndez López, traballador de dinamización lingüsitica.

A presentación da colección de trípticos Muller(es) de Palabra, promovida pola Alexandre Bóveda, pechará o ciclo. Falarán a escritora Mercedes Queixas -que prepara o da mestra galeguista e republicana Elvira Bao- e mais a historiadora Encarna Otero -que escribiu o referente a María Miramontes. A serie tamén editou outro dedicado a outra docente Mercedes Romero, asasinada no 36, obra de Rosalía Regueiro.

As actividades de Palabra e Memoria son de entrada libre no local da A.C. Alexandre Bóveda (r/Olmos, 16, 1º, A Coruña). Os ensinantes asistentes terán dereito a certificado homologado.

Comentarios