Peter Punk: ''Non todos os rebeldes son pallasos, mais todos os pallasos teñen algo de rebeldes''

Entrevistamos un dos pallasos máis coñecidos e recoñecidos nas funcións de circo que acollen as rúas da Galiza. E falamos un pouco de todo: das orixes na maxia, da chungatrona, do pobo palestiniano, da risa, da lingua... da desobediencia. 

photo_camera [Imaxes: Culturactiva]


Aproveitamos o sol da fin de semana para viaxar até o país do Nunca Máis. Alí reside Isaac Rodríguez, un tipo chungo, chungo, ke te cagas. Di que é punk e faise chamar Peter. Con moito tino, achegámonos a el.

Iso do 'chungo, chungo, ke te cagas'... é só para meter medo, non si? 

[risas] Tes razón. Nada é tan chungo. Esa é a miña maneira de reinventar a frase clásica do 'máis difícil aínda'. Como son un punk digo 'chungo, chungo ke te cagas'. 

E vostede gosta das crianzas? Dígame a verdade...

Eu? Siiii! Sempre tiven moi boa man cos nenos. Porén, nos espectáculos de rúa hai moita enerxía e a xente está moi espectante. Esperan que os integres na función e a ti non se che pode escapar nada! Pode meterse polo medio calquera cousa: un can... a policía... [ri]

"A esencia do pallaso está nos nenos. E nos borrachos. E nos tolos. En todas as persoas que non teñen medo"

O bonito de traballar con nenos é que a esa idade todos somos un pouco kamikazes, non lle temos medo a nada. Eles están dispostos a participar en todo! Despois, de adultos, temos medo de cousas que moitas veces nin existen. Mais si, eu gosto moito dos nenos. Creo que a esencia do pallaso está neles. E nos borrachos. E nos tolos. En todas as persoas que non teñen medo. 

Foi esa enerxía da rúa a que o levou a se afastar das táboas? 

De pequeno non pensei nunca niso de 'quero ser actor' ou 'quero ser pallaso'. Facía teatro no instituto, iso si.

E lembra a súa primeira función?

Pois aínda o outro día estiven a intentar recordalo! Tería eu once anos ou así cando fixen a colección por fascículos de El mundo mágico de Tamariz. O primeiro espectáculo fíxeno daquela na aula do meu irmán mediano. El tiña seis anos. E despois repetín na festa do seu aniversario. Foron dúas funcións de maxia. 

Peter Punk é un pallaso comprometido.

É, si. Empecei traballando con crianzas, mais chegou un momento en que quixen dar o paso para enganchar tamén o público adulto. E decidín facelo mudando o público, non o espectáculo. Por iso digo 'o neno calvo' ou 'o neno do bigote', para que tamén se sintan crianzas. Decateime de que desde a perspectiva dun pallaso tamén se poden mudar cousas, facer algo, manter un compromiso.

"Non oculto a implicación política. Gosto de que a haxa"

Estou certo de que non todos os rebeldes son pallasos, mais todos os pallasos teñen algo de rebeldes. Botar man da burla, do ridículo, da risa... mais sempre desde o respecto e desde un punto de vista humano. Por iso non oculto a implicación política. Gosto de que a haxa.

Desde o momento en que podemos rir porque alguén cae dunha cadeira podemos rir de todo: da relixión, da monarquía e sobre todo dunha clase política que é, en xeral, moi seria [ri]

Quero preguntarlle por un símbolo da súa escenografía: a bandeira palestiniana. 

Si, colócoa sempre na chungatrona [para quen nunca gozase dun espectáculo de Peter Punk, a chungatrona é o seu último xoguete: unha máquina que simula unha cadeira de execucións e que garda tras de si doces e húmidas sorpresas. Non debemos dicir máis nada]

Fixen parte da primeira caravana de Pallasos en Rebeldía que se desprazou a Palestina para coñecer sobre o terreo a vida deste pobo. Estando en Belén, Iván Prado [o fundador de Pallasos en Rebeldía] decidíu levar alí o Festiclown e o anceio tornouse realidade en 2011, cando se fixo nos territorios ocupados o primeiro festival internacional de pallasos do mundo árabe.

Que atopou alí?

Resúmocho nunha frase que nos dicía un campesiño: vivir alí é unha resistencia. Erguerse pola mañá é resistir, xogar é resistir. O muro da vergoña obriga a que, para ires ao teu traballo, se antes tardaban quince minutos agora tardes catro horas e pasando por unha manchea de check-points. E todo iso contando coa nosa facilitade ao dispor dun pasaporte europeo. O estado de Israel fai a vida imposible en Palestina. 



A súa cadela, Gaza, bautizouna antes ou despois desta experiencia?

[risas] Como sabes iso?

Dicían que era vostede tan 'chungo' que me informei ben...

[ri] Pois bauticeina despois. Sempre me andou na cabeza que o día que tivese unha cadela lle chamaría Gaza ou Cuba. Porén, un amigo meu adiantouse e púxolle Cuba á súa, así que eu chameille á miña Gaza. 

Ten no seu haber unha boa rastra de premios, o derradeiro colleitado en maio no Certame intergaláctico do Festiclown 2.0 multisede, realizado na cidade de Rivas-Vaciamadrid. Cal é o recoñecemento que máis valora?

Pois soará a tópico, mais son os aplausos do público. Ou, mellor aínda que os aplausos, os seus risos. Nunha aldea pequena na Fonsagrada, en Negreira de Muñiz ou na Ribeira de Piquín ou nunha función multitudinaria nunha cidade como pode ser Vigo, o que me enche é sempre o mesmo: que o pasen ben, que ao rematar a función se acheguen e me digan 'vinte dúas, tres, catro veces e aínda sigo a rir contigo'. E ouvir por aí o do 'chungo, chungo ke te cagas'. Iso tamén me enche [ri] 

"O que me enche é sempre o mesmo: que o pasen ben, que ao rematar a función se acheguen e me digan 'vinte dúas, tres, catro veces e aínda sigo a rir contigo'"

Pensei que nunha entrevista cun pallaso debía facer unha pregunta de risa. Aí vai: recibe apoio institucional? 

[risas] Traballo con Culturactiva [unha cooperativa cultural galega] e son eles os que se encargan das relacións institucionais. Eu con esas cousas teño, máis ben, conflito. Sigo ao pé da letra os dez mandamentos do pallaso arxentino Chacovachi e un deles, acho que o décimo, di que "sempre serás politicamente incorrecto". 

Agora mesmo estamos mergullados nunha xira da Xunta e relacionada coa dinamización lingüística. Non vou dicir que non fagan falta estas cousas. Son moi importantes. Mais é igual de importante manter unha coherencia coas políticas que se implementan ao redor da nosa lingua e teño entendido que, desa pata, a mesa coxea.

Namentres me fala estou a contar as veces que o vin actuar. Foron polo menos cinco, e aínda sigo a rir con vostede. Obrigada por esta conversa.

Máis en Ao vivo
Comentarios