A peste porcina preocupa o sector

O sector porcino móvese entre a incerteza dunha baixada de prezos e a contención dun problema aínda maior: o control sanitario para evitar a chegada da Peste Porcina Africana (PPA). Países como a China ou Corea do Sur premian a crianza na Galiza mentres a marca 'Porco Celta' mantén o seu mercado.
Explotación gandeira da raza autóctona Porco Celta (Asoporcel)
photo_camera Explotación gandeira da raza autóctona Porco Celta (Asoporcel)

O sector porcino galego vive estes meses unha calma tensa. Polo de agora non é dos máis afectados pola pandemia da Covid-19 a nivel económico, mais non deixa de preocupar unha lixeira baixada dos prezos nos últimos meses. En todo caso, a situación sanitaria, polo de agora, só obstaculizou o traballo dalgúns matadoiros, a maioría fóra da Galiza

José Antonio Vidal, presidente da Federación Galega de Porcino, apunta que no sector "ninguén se atreve a pronosticar nada, os tempos están tan cambiantes que o que hoxe é dunha maneira, mañá é absolutamente doutra". Sinala a Nós Diario que "desde hai tres semanas os prezos baixaron levemente mais non sabemos se continuará así" e no caso da maioría das explotacións "dependerá de como funcione a exportación".

A presenza en Europa da peste porcina africana

A inquietude vén polas novas que chegan de Alemaña, que, desde setembro, loita contra a presenza da Peste Porcina Africana (PPA) detectada en xabaríns. Esta enfermidade é de orixe vírica e altamente contaxiosa que afecta ao gando porcino e aos xabarís. Non se trata dunha enfermidade que afecte aos humanos, mais ten unha gran repercusión tanto sanitaria como económica para o sector porcino.

Non existe vacina, polo que é moi importante evitar a entrada do virus por calquera vía na Galiza. A súa presenza en Europa intensificouse a partires de 2014, oficialmente con focos centrados en xabaríns, en países como Romanía, Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, Hungría, República Checa, Bulgaria, Bélxica, Eslovaquia, Grecia e, recentemente, Alemaña. 

Segundo sinalan desde a propia Consellaría de Medio Rural, o virus da PPA podería chegar a territorio galego por unha vía directa, a través de porcos ou xabarís infectados, ou polos vehículos de transporte de animais. Tamén de maneira indirecta a través de materiais contaminados co virus como roupa, calzado ou alimentos do gando. Advirten que pode darse caso da transmisión indirecta producida polos cazadores que realicen as súas actividades nos países de risco e non tomen precaucións co seu vehículo, roupa ou utensilios de caza.

Relaxación nas medidas por parte da Xunta

"Xa hai dous anos que mantemos reunións con Medio Rural para que poña algunhas medidas", explica a Nós Diario Pablo Meijomín, presidente da Agrupación de Defensa Sanitaria (ADS) de Silleda con sede no recinto feiral da Semana Verde, "sobre todo no tema da importación de leitón desde Alemaña, Holanda ou Bélxica", engade. O tema non é novo e desde esta entidade fixeron presión para que se limitasen os movementos de importación desde esas zonas o máximo posíbel.

"A Xunta nun principio colaborou póndolle certas trabas a eses importadores, mais agora hai case un ano que se relaxou bastante", conta este veterinario. Por sorte para as explotacións galegas, cos novos casos que hai en Alemaña os principais países compradores, a China e Corea do Sur, exixiron que cada porco que se mate aquí leve o certificado de que foron porcos nacidos e criados neste territorio.

"Desta maneira penalizouse todos os leitóns que viñeron estes meses para a súa cría na Galiza", confirma Meijomín. De todas as formas, unha das inquietudes deste veterinario é a "excesiva cantidade de xabaríns que hai" sen estar controlados pola Administración galega. "Noutros países xa actuaron para manter o seu número, aquí non se fai nada e poden chegar a ser un verdadeiro problema", admite.

O porco celta mantén as vendas na pandemia

Un caso á parte é o das explotacións de porco celta. Na Galiza hai 143 gandarías colaboradoras. En datos de decembro de 2019, o censo era de 4.547 animais. Desde a Asociación do Porco Celta (Asoporcel) explican que polo de agora traballan con normalidade e que conseguiron manter o nivel de vendas anterior ao inicio da pandemia.

"Ao principio vimos unha caída da demanda debido ao fechamento da hostalaría”, asegura o seu director Iván Rodríguez, "mais logo entrou noutras superficies comerciais e tivo bastante visibilidade, polo que nos mantivemos aí ademais de estar na hostalaría, que segue traballando, e en pequenas tendas de barrio", certifica a Nós Diario. Para Rodríguez o caso do porco celta é un exemplo de como pode beneficiar a venda de proximidade.

"Semella que con esta situación actual o consumidor está apostando máis que antes polos produtos de aquí, polos autóctonos", indica. O outro factor é “moverse en volumes de produción non moi grandes".

Comentarios