Como dicilo?

'Pescada', por Henrique Harguindey

pescada

En galegoportugués preferimos dicir peixe, mais iso non significa que non poidamos empregar pescado (participio do verbo pescar e, daquela, tamén, ‘o que se pesca’, sinónimo de peixe).

Un peixe específico, unha especie moi estimada, é a do merluccius merluccius, que é a que adoita recibir na área galegoportuguesa o nome por excelencia de pescada. Mellor que o españolismo merluza, debemos utilizar aquela denominación, ben viva, por outra banda, Lembremos, como exemplo, unha cancionciña que lles serve aos rapaces e rapazas para xogar saltando á corda :

           

            Pepe Repepe, camisa rachada,

            foi á cociña lamber a pescada…

Unha denominación ben antiga da pescada é a de peixota, pixota ou pexota,  que aínda se utiliza en certas zonas galegas como Marín. Mesmo que voces tan autorizadas da Etimoloxía como Joan Coromines ou da Lexicografía  Galega como Carme Ríos Panisse apunten a posibilidade de relacionar o nome con pixa, poderiamos pensar na derivación co sufixo aumentativo -ote/-ota (rapazote/rapazota, vellote/vellota, rillote/rillota, etc). O que cadraría, a maiores, coa explicación tradicional de Peixoto, apelido luso-brasileiro baseado no sufixo –oto/-ota naquela área.

Indo xa ás nosas expresións idiomáticas citaremos unha moi expresiva, a de comer sardiña e arrotar pescada que se lle aplica a quen presume do que non ten, que fachendea de máis : Ese é dos que comen sardiña e arrotan pescada.

E estoutra non menos expresiva : Pagar en cartos de sardiñas, é dicir, pagar algo mediante a entrega periódica de pequenas cantidades. Está documentada na Galiza interior, en terras de Verín, e en portugués tamén  existe : dinheiro de sardinhas.

Pequena tamén a é a cría da  pescada, que precisa unha forte protección se non queremos rematar coa especie. En galego coñecémola co nome de carioca, e xa temos sinalado que -ao presentarse en xeral para a comida en forma circular,  meténdolle o rabo na boca- deu orixe á locución é como a carioca, que leva o rabo na boca, para caracterizar unha situación sen saída, na que se volve sempre ao principio, o que coñecemos tamén como un círculo vicioso.

É ben sabido que carioca é asimesmo a palabra que denomina os habitantes do Río de Janeiro, ou  o que está relacionado con esa cidade brasileira.  Tamén podemos utilizar o substantivo e adxectivo fluminense (procedente do latin flumen –fluminis ‘río’) que non é preciso explicar. A orixe da denominación carioca parece estar na lingua tupí : nesa lingua amerindia kari’oka viría significando ‘casa do branco’. Non está probada a hipótese de existir relación entre ela e a denominación do noso peixe.

Lembrando os afoutados mariñeiros que se xogan a vida para nos traeren bós manxares, despedirémonos  desexándolles a lectoras e lectores un ventureiro ano 2019 con esta cantiga tradicional :

            Con castañas asadas

            foxe o friíño;

            con pescada salpresa

            n’hai ruín viño.

Comentarios