A pesca treme polas negociacións do Brexit

1.800 empregos en risco pola falla de acordo entre a UE e o Reino Unido.
XARDA RINCHA MAR PESCA MIKEL ARRAZOLA
photo_camera (Foto: M. Arrazola)

O sector pesqueiro galego ten a ollada posta en Londres e en Bruxelas. As diferenzas entre os equipos negociadores da Unión Europea e do Reino Unido son cada día máis fondas, até o punto de que é probábel a ausencia dun acordo para continuar traballando nas augas británicas. No caso de non chegaren a unha solución antes do 31 de decembro de 2020, as embarcacións galegas serán expulsadas dos seus tradicionais caladoiros e os barcos con bandeira desa nacionalidade non poderán desembarcar nin vender as súas capturas nos portos comunitarios. Ao tempo, os produtos estarán sometidos a toda unha serie de trámites burocráticos que dificultarán a súa comercialización e, probabelmente, a aranceis.

A exposición do sector pesqueiro galego ao Reino Unido é moi importante.1.400 mariñeiros e 96 barcos, dos cales 30 navegan con bandeira británica ou francesa malia seren de capital galego, traballan no caladoiro de Gran Sol, situado ao oeste das Illas Británicas. Segundo un estudo elaborado para a Consellaría de Pesca polos profesores da USC María do Carme García Negro e Gonzalo Rodríguez Rodríguez, tomando como referencia 2016, o Gran Sol supuxo 140 millóns en salarios, 23 millóns en cotizacións da seguridade social e un total de impostos recadados por produto de máis de 9 millóns de euros.

García Negro e Rodríguez Rodríguez destacan que "para unha economía das dimensións da galega, e tratándose de 96, 66 na Galiza, empresas cun tirón de demanda e actividade mantida en 44 sectores, é unha cantidade de relevancia estrutural". A saída do Gran Sol significaría unhas perdas anuais de 533 millóns de euros. A maiores, débese sumar a frota galega das Malvinas, formada por unhas 20 embarcacións, cunha tripulación de arredor de 400 persoas, dedicadas fundamentalmente á pesca das luras, que xa están a notar a suba do prezo das licenzas de pesca e as dificultades derivadas de reformar a súa estrutura mercantil.

O pesimismo manda no sector pesqueiro

O pesimismo paira sobre o rumbo das negociacións entre o Reino Unido e a Unión Europea. Mentres Bruxelas aposta por manter unha situación semellante á actual, onde os pescadores teñan acceso ás augas británicas coas cotas pactadas, Londres defende negociar anualmente o tope de capturas cos Estados comunitarios, nunha solución análoga á pactada con Noruega. A este respecto, desde o sector consideran que o Goberno de Boris Johnson é consciente da súa posición de forza e tenta aproveitar a pesca como instrumento de presión para forzar acordos noutros ámbitos.

Ao tempo, son conscientes de que a súa táctica negociadora está condicionada pola situación interna do Reino Unido. Gonzalo Rodríguez observa con preocupación a situación. "O escenario máis probábel neste momento é de non acordo", sinala a Nós Diario o profesor da Universidade de Compostela, quen considera que "o Reino Unido está usando a pesca como bandeira. Esta situación para as empresas galegas vai requirir de bastante creatividade ao ter un impacto a curto prazo nos prezos dos produtos, algo que é moi complicado de repercutir á clientela". "A pesca galega ten actualmente moitas frontes abertas. Está a obrigatoriedade de desembarcar os descartes, que na práctica significa reducir as cotas de captura, a redución das capturas das quenllas, que afecta á frota do palangre de superficie e o risco de que toda frota europea se traslade aos caladoiros que queden libres", conclúe.

María do Carme García Negro é dunha opinión semellante. "Vexo a cousa bastante fastidiada", afirma en conversa con Nós Diario. Porén destaca que "outros Estados comunitarios, como Francia e Dinamarca, son máis dependentes dos caladoiros ingleses que nós e existen posibilidades pola nosa banda de chegar a acordos privados". "A pesca vai ser un elemento de chantaxe para Inglaterra", continúa García Negro, quen ve complexa a situación "porque os tempos políticos internos dos británicos determinan a súa posición" na negociación. A aprobación por parte dos parlamentarios ingleses da denominada Lei de mercado interno proposto polo Executivo de Johnson explícase nesa chave.

As fontes do sector consultadas por Nós Diario non ocultan os seus temores. Malia que a maioría deles prefiren agochar a súa identidade para non prexudicar os seus intereses, coinciden en sinalar que a ausencia de acordo cobra forza a medida que pasan os días e poñen, así mesmo, o foco naquelas embarcacións de capital galego con bandeira británica, polas dificultades para vender nas lonxas galegas.

Comentarios