Carlos Cela Seoane morreu esta segunda feira na Coruña aos 46 anos de idade após tres semanas de batallar pola súa vida a raíz dun infarto cerebral. Carlos faleceu poucas horas despois de que o seu irmán Paco saíse do cárcere, onde pasou un total de 32 anos pola súa militancia nos Grapo.
O falecemento de Carlos causou dor e pesar na Coruña, a súa cidade, onde era moi coñecido pola súa implicación no antifascismo, polo seu local (Faluya) e polo seu deportivismo, expresado principalmente a través da peña que tiña porto base no Faluya. A través das redes sociais expresaron o seu pesar ducias de persoas, entre elas o deputado de En Común-Unidas Podemos Gómez Reino ou a concelleira do BNG Avia Veira, entre outras. Tamén lamentaron o falecemento peñas deportivistas e mesmo peñas doutras equipas de fútbol no Estado.
Carlos foi detido en xaneiro de 2008 canda outras catro persoas nun operativo contra o SRI (siglas en castelán de Socorro Vermello Internacional), ao que a xustiza española sinalaba como “estrutura legal” dos Grapo. Saíu en liberdade 9 meses despois. Finalmente, o caso foi sobreseído. Era irmán de Paco Cela e Suso Cela, ambos os dous con condenas en relación aos Grapo.
O corpo de Carlos descansa en Servisa, fronte ao Chuac. ÁS 19 horas desta terza feira está previsto que se realice nese lugar un acto de lembranza e homenaxe.