O persoal técnico de prevención de incendios inicia a folga este sábado

En plena tempada de alto risco de incendios forestais, deberán mater uns servizos mínimos de 100% nas tarefas de coordinación.
Protesta de persoal técnico do servizo de prevención de incendios forestais fronte a sede da Xunta o 30 de xullo de 2020 (Imaxe: Arxina).
photo_camera Protesta de persoal técnico do servizo de prevención de incendios forestais fronte a sede da Xunta o 30 de xullo de 2020 (Imaxe: Arxina).

O vindeiro sábado, 1 de agosto, dará comezo a folga indefinida do persoal técnico do servizo de prevención de incendios forestais da Consellaría de Medio Rural. Unha folga que será indefinida logo da falta de avances coa Xunta da Galiza na procura dun acordo que mellore as súas condicións laborais.

Máis dun centenar de técnicos están chamados á folga polos sindicatos convocantes, CIG, CCOO, CSIF e UXT. En plena temporada de alto risco de incendios a cobertura dos servizos mínimos é do 100% nos labores de coordinación, mais a protesta farase sentir na función deste persoal na "xestión" administrativa.

Galiza acumula 40% dos incendios de todo o Estado. Para combatelos, estes técnicos forestais encárganse de coordinar e dirixir as tarefas de extinción. A maiores, xestionan de maneira directa 15% do territorio a través dos convenios da Xunta con montes en man común, por exemplo, dos que teñen que revisar, entre outras labores, a corta de madeira.

Ás portas da folga, parte do persoal concentrouse onte diante da sede da Xunta da Galiza en sinal de protesta. O representante da CIG, Xabier Bruña, denunciou en representación dos seus compañeiros que a propia Consellaría de Medio Rural os empurra a esta protesta pola súa "falta de interese, diálogo e negociación" após "25 meses reclamando un novo acordo".

Na súa intervención, o sindicalista salientou que as reclamacións do persoal non pasan por unha suba salarial, senón por “unha nova organización acorde co século XXI”. Piden "unha maneira diferente de traballar”, cunha coordinación "máis eficiente" para o servizo público. "Fronte ao lume, silvicultura e cultura, precisamos un novo acordo xa", reiterou Bruña, sinalando que "o señor Feixoo fala de 'Galiza, Galiza, Galiza'; nós replicamos e dicimos 'monte, monte, monte'".

Entre outras cuestións, o persoal técnico reclama un novo acordo que garanta o aumento do persoal e os descansos legais; a redución das súas 2.000 horas anuais, superando en máis de 500 horas aos demais traballadores públicos, o regulamento da carga laboral nas fins de semana, festivos, gardas e descansos, así como asegurar 15 días de vacacións no verán.

Tamén pide regulamentar a segunda actividade ou un coeficiente redutor para maiores de 60 anos

Comentarios