O persoal de Siemens-Gamesa non dá por perdida a planta das Somozas

Siemens-Gamesa iniciou as xestións para executar o ERE que acabará cos máis de douscentos postos de traballo da súa planta de pas nas Somozas. O persoal da factoría estuda endurecer as protestas mentres agarda que as Administracións fagan cambiar de parecer á empresa ou, no seu defecto, atopar un comprador.
Asemblea de traballadores e traballadoras de Siemens-Gamesa ás portas da factoría (Europa Press).
photo_camera Asemblea de traballadores e traballadoras de Siemens-Gamesa ás portas da factoría (Europa Press).

Siemens-Gamesa confirmaba esta segunda feira o que para moitos era un segredo a voces: o fechamento da súa fábrica de pas nas Somozas, que chegou a empregar 700 persoas, e o despedimento das 215 traballadoras e traballadores coas que contaba na actualidade. 

Hoxe a empresa e o comité levaron a cabo o acto formal de entrega da documentación do ERE extintivo que ten previsto levar a cabo a multinacional. Ábrese agora un período de sete días para formar mesa de negociación. Despois, as partes terán un mes para negociar as saídas. 

O presidente do comité, Serxio López (UXT), xa anunciou que intentarán sacar "o máximo posíbel á empresa" en forma de indemnizacións e prexubilacións, entre outros aspectos.

Mais os traballadores e traballadoras da planta non se dan por vencidos. Pese a coñecer desde finais do pasado ano a ausencia de novos contratos e a decisión da empresa de non investir nas Somozas para posibilitar a produción doutro tipo de produtos, pensan que tanto a Xunta como o Goberno estatal, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, están aínda a tempo de reverter a situación.

"Imos seguir nesa loita para tentar cambiar a decisión que tomou a empresa, e xa temos o precedente de Nafarroa", apuntou López, onde a multinacional, após a presión do Goberno navarro, estuda reconverter a súa planta de Aoiz, fechada o pasado ano, nun centro de reciclaxe de pas. 

Todas as facilidades

Segundo destaca a Nós Diario o representante do persoal traballador das Somozas, "é a primeira vez que unha empresa á que se lle está a ofrecer o que se lles está a ofrecer non diga nada. Está claro que non interesa".

Refírese López ás facilidades que deron as distintas administracións para modernizar as instalacións das Somozas, desde o Concello, que actuou nos viáis para facilitar o traslado de pas de maior tamaño e ofreceu canto solo fose necesario para as ampliacións, como desde a Xunta, con axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para investimentos en I+D+i.

O propio persoal da factoría mantivo tamén reunións con eléctricas "e hai compromisos por parte dalgunha delas de que se apostan na planta das Somozas comprarían as máquinas aquí", apuntou o presidente do comité. "Por carteira de pedidos non sería, e por falta de investimento tampouco, porque estamos falando de que as administracións pon todo da súa parte para que isto siga adiante". 

Venda a un terceiro

Nesta liña, Lopez recoñeceu que nas conversas co conselleiro de Economía, Francisco Conde, mesmo lle chegaron a propor a posibilidade de venda a un terceiro. "Se Siemens-Gamesa non conta con nós e a Xunta e o Concello lle están a ofrecer todo o que necesita e non atende a razóns, deberían dedicarse a intentar traer outras empresas para facerse cargo da planta que temos aquí", sinalou.

 "O potencial máis grande que temos é o factor humano. Somos xente moi especializada que sacou adiante todos os proxectos que Siemens-Gamesa puxo sobre a mesa. Ademais, somos un cadro de persoal que mesmo fomos montar outras plantas na China, Portugal, India, México... en todos os países do mundo", destacou López, quen lamentou que se trate dun "claro caso de deslocalización, que a empresa ten un plan marcado e que todo pasa por Portugal; non pasa por nós".

Para os traballadores e traballadoras das Somozas é "un cachondeo" que na actualidade estean a levar pas desde Portugal a parques eólicos en Burgos. As pas prodúcense na planta de Vagos, situada en Aveiro, a tres horas da das Somozas. Conta cunhas instalacións de maiores dimensións que lles permiten traballar con moldes máis grandes e fabricar as pas que demanda agora o mercado. 

Neste senso, lembra que a planta galega estivo a punto de lograr o modelo 145 (agora fabrican o 114) baseado na nova plataforma 5x de Siemens-Gamesa, pero foi entón cando a multinacional comprou a fábrica de Portugal.

Mobilizacións

Ante este escenario, o cadro de persoal mantén as mobilizacións. "Imos seguir coas mesmas e algunha vai ser máis contundente", advirte López. Mañá teñen previsto cortar o tráfico no polígono industrial. As seguintes paradas serán ante a Xunta en Ferrol e Compostela, rematando a semana fronte a Subdelegación do Goberno na Coruña. 

Salvar a fábrica coa axuda dos fondos europeos e os novos parques en proxecto, afirma, sería "un alivio" para a comarca de Ferrolterra, que semella condenada ao fechamento de empresas.

Comentarios