"Pola dignidade e integridade dos pacientes nas urxencias". Así rezaba o lema que esta cuarta feira (14 xaneiro) presidía o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU) na concentración convocada por profesionais da sanidade.
A situación que atinxe os servizos de urxencias de todo o país é límite e desde as organizacións sindicais defínena polo "colapso" e a conseguinte incapacidade do persoal para afrontar a afluencia de doentes. "A día de hoxe temos 54 persoas en padiolas e 61 agardando por unha cama", explica María Seijo desde a Xunta de Persoal da EOXI da Coruña.
A realidade coruñesa reprodúcese, en maior ou menor medida, en Ourense, Vigo e Lugo. Na cidade das Burgas tiveron que ser re-programadas as operacións cirúrxicas perante a imposibilidade para facer fronte a un 200% de ocupación do hospital. As persoas amoréanse nos corredores e agardan a ser atendidas por unha equipa profesional sobrecargada.
A Xunta responsabiliza @s doentes
Desde a Xunta de Galiza o presidente Alberto Núñez Feijóo limitouse a pedir desculpas pola situación que están a viver @s doentes mais a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, repartiu responsabilidades entre todos os sectores para non asumir a propia. Segundo a titular de sanidade o colapso débese a un "repunte" da gripe e das patoloxías derivadas desta época do ano. Mais, no concreto, a que "o 70%" das persoas consideradas de risco "non están vacinadas".
A plataforma de sindicatos médicos afirma que o repunte da gripe "acontece todos os anos" e responsabiliza aos "xestores sanitarios" de non pór recursos
As súas declaracións, coas que tentou saír ao paso das fortes críticas e mesmo das voces que están a pedir a súa cabeza perante a gravidade da situación, foron respostadas desde a plataforma de sindicatos médicos CESM-O'Mega que as considerou un desprezo á intelixencia de utentes e profesionais da saúde pública.
Desde CESM-O'Mega subliñan que as deficiencias no servizo de urxencias veñen sendo denunciadas desde hai anos e non poden ser xudtificadas polo incremento dos casos da gripe pois este repunte pode ser vaticinado através de diversos instrumentos. "Acontece todos os anos, polo que quen debe poñer o remedio coa suficiente antelación son os xestores sanitarios", apuntan. "A situación non é pedir desculpas senón remedios", denuncian.
Unha "chamada de auxilio" á Fiscalía
Os recortes orzamentarios, a amortización de prazas e o fechamento de camas son, para as organizacións de profesionais da saúde, o foco do problema que atinxe as urxencias mais tamén a atención primaria e hospitalaria.
Maria Seijó: "Estanse a vulnerar dereitos fundamentais dos doentes como a intimidade e a confidencialidade"
Razón pola que desde a Xunta de Persoal do CHUAC instarán a Fiscalía a investigar "as condicións ás que se ven obrigado o persoal de urxencias" e o "risco e ameaza" que estas supoñen "para a saúde dos doentes", sinala María Seijo.
"Estanse a vulnerar dereitos fundamentais como a intimidade e confidencialidade dos pacientes" e mesmo "a dignidade das persoas" que se ven durante horas en padiolas.
Para o persoal coruñés co escrito que se presentará mañá "estase a pedir auxilio" perante a actitude da administración coa que dan por fechadas as vías de diálogo. "É horríbel" e "inaceptábel", critican.