O persoal de Poligal demanda solucións nas rúas de Ferrol

Traballadoras e traballadores de Poligal puxeron fin ao feche na Casa do Concello e manifestáronse até o Edificio da Xunta. 

Poligal Foto EU
photo_camera Foto: Esquerda Unida

Os traballadores e traballadoras de Poligal abandonaron a casa do Concello de Ferrol após case 24 horas de feche para participar na mobilización que, desde alí e até o Edificio da Xunta, demandou unha solución para a factoría naronesa. Fechamento e manifestación que se enmarcan no calendario de mobilizacións que o persoal está a desenvolver dende que o pasado mes a empresa anunciara a solicitude de concurso de acreedores. Esta sexta feira pola tarde está prevista unha nova xuntanza da mesa técnica creada coa Xunta, comité e sindicatos para analizar as posibilidades e alternativas de futuro da fábrica. Na manifestación estiveron presentes representantes de diferentes organizacións, como Ferrol en Común, BNG, En Marea e En Común-Unidas Podemos.

Poligal é un dos principais fabricantes europeos de film de polipropileno biorientado  (BOPP e CPPP respectivamente), que se empregan para producir solucións de envasado. Ten tres plantas: unha en Narón, outra en Polonia (empezou a funcionar en 2017) e máis unha en Arcos de Valdévez, Portugal, operativa desde 2016.

O anuncio a finais de febreiro por parte do conselleiro delegado de Poligal de que solicitara o concurso voluntario de acredores con proposta de liquidación para a fábrica naronesa e, polo tanto, co despedimento do seu máis dun cento de traballadores e traballadoras puxo o persoal en pé de guerra.

O cadro de persoal considera que esta medida responde ao desexo da dirección de “desviar a produción ás factorías que ten en Portugal e Polonia”, ás que dotaron nestes anos de tecnoloxía máis moderna.

Comentarios