O persoal de limpeza do Cunqueiro irá á folga polas deficiencias do servizo

O comité de empresa da concesionaria do servizo de limpeza e residuos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Acciona, convocou unha folga indefinida a partir do próximo 14 de decembro para pedir un incremento de persoal ante as necesidades derivadas da pandemia.

Os feitos tiveron lugar no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Foto: EP).
photo_camera Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Segundo detallou nun comunicado a CIG, que preside o comité de empresa, a "escaseza de efectivos" supón "unha sobrecarga de traballo" entre o persoal, que "se ve impotente para levar a cabo unha correcta desinfección das instalacións".

Tras mobilizarse e contactar coa Xerencia do centro nas últimas semanas, a representación dos traballadores e das traballadoras busca "denunciar os incumprimentos de convenio por parte da empresa", que "fai oídos xordos" aos requirimentos da Inspección de Traballo. De feito, afirmou que a "mala xestión do servizo por parte de Acciona" causou "incontábeis queixas e demandas do persoal" das distintas quendas, o que provocou o rexistro da convocatoria de folga.

Así as cousas, a representación sindical solicita 22 novas contratacións, o que "permitiría limpar áreas que agora se descoidan", como "zonas comúns, baños ou vestiarios".

Tamén reclama a creación "dunha comisión paritaria de seguimento" na que "se comuniquen e consulten os incrementos ou diminucións dos contaxios" e "as consecuentes variacións nos criterios de reforzo".

Formación en materia Covid

Ademais, pide que se especifiquen as tarefas que corresponden a cada posto de reforzo das distintas quendas e que se facilite formación teórico-práctica en protocolos Covid e tutorización ás persoas que traballan nesas áreas.

Adicionalmente, o comité de empresa expón que os reforzos se apliquen de segunda feira a domingo e en todas as quendas, e que estes novos traballadores non estean exentos de traballar en certas zonas, así como que os contratos precisos para aumentar o persoal se trasladen "en tempo e forma".

A representación dos traballadores demanda a vixilancia das zonas non receptoras de casos de coronavirus "para mandar unha axuda sempre que os traballos específicos de Covid que vaian xurdindo impidan atender as tarefas cotiás do posto".

Comentarios