O persoal laboral da Xunta pide a mediación da Valedora ante a actitude de Política Social

Critica que a Consellaría continúe a "ignoralos” malia levar máis de 30 semanas de mobilizacións.

comité intercentros persoal laboral foto da cig

O Comité Intercentros do Persoal Laboral da Xunta de Galiza, presentou na Valedora do Pobo un escrito explicando a súa situación e solicitando da institución que inste a conselleira de Política Social, Fabiola García, a chamar ao comité para negociar as súas demandas.

Após o rexistro do escrito, o presidente do comité intercentros, Manuel Gallardo Canitrot, lembrou que desde a aprobación da Lei de medidas no ano 2012, que supuxo a suspensión de diferentes artigos do V Convenio Colectivo Único, “o persoal laboral da Consellería de Política Social, está obrigado a traballar a quendas de segundas feiras a domingo, sen compensación algunha, isto é, que traballa os festivos e os domingos sen a compensación do 75% do domingo ou festivo traballado”.

Canitrot denunciou que isto, “non só supón a gratuidade do servizo deses días, que en calquera empresa se gratifica, senón que supón unha diminución das plantillas, que fan que se traballe case sempre a mínimos”. Xunto a isto apuntou que nin sequera se garante a libranza de dous días ininterrompidos.

30 semanas de mobilizacións

O presidente do comité intercentros explicou ademais que acordaron recorrer á Valedora porque despois de manter cada quinta feira concentracións diante dos centros de traballo en todo o país, así como diante do Edificio Administrativo da Xunta, en Santiago de Compostela desde hai máis de trinta semanas.

Fronte á actitude da conselleira Gallardo Canitrot salientou a actitude do persoal. “En plena Pandemia por COVID-19, o persoal de Política Social mantivo a súa profesionalidade e dedicación, o que facilitou que os centros públicos estiveran libres de contaxio”. Cuestión que, apuntou, “non sucedeu cos centros privados”.

Comentarios