O persoal investigador galego denuncia o carácter mercantil e precario da súa profesión

Representantes de varios colectivos reuníronse para avaliar as dificultades para desenvolver o seu traballo e exixen melloras na política científica da Xunta. Denuncian unha realidade de contratos escasos, case sempre temporais e normalmente precarios. Fronte a esta situación avogan por ampliar e deseñar un novo modelo de financiamento da investigación na Galiza, coa finalidade de artellar unha política científica que asegure máis e mellores oportunidades a curto e medio prazo para as persoas que queiran investigar aquí.

[Imaxe: Pixabay] Laboratorio de investigación
photo_camera [Imaxe: Pixabay] Laboratorio de investigación

Unha mesa de debate reuniu ao Colectivo de Investigadoras e Investigadores Posdoutorais da Galiza, á Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) e á Plataforma Galega de Traballadoras e Traballadores en Investigación Sanitaria (PLAGTIS) coa intención de poñer en común as súas problemáticas e crear un ente común que exerza de interlocutor coa Xunta da Galiza.

Estes tres colectivos critican, máis unha vez, as políticas científicas que se están a desenvolver desde a Xunta e as tres universidades galegas por considerar que están caracterizadas pola mercantilización e a precarización da investigación.

Segundo explican estes colectivos esta tendencia provoca que as persoas que comezan ou tentan desenvolver aquí a súa carreira investigadora teñen por diante un escenario de contratos escasos, case sempre temporais e normalmente precarios, que dificultan o desenvolvemento das súas respectivas investigacións, así como a conciliación destes traballos coa súa vida persoal e familiar.

Saída a esta problemática

Fronte a esta situación, estes colectivos avogan por ampliar e deseñar un novo modelo de financiamento da investigación na Galiza, coa finalidade de artellar unha política científica que asegure máis e mellores oportunidades a curto e medio prazo para as persoas que queiran investigar aquí.

Ademais, a longo prazo, cren que sería necesario acordar medidas que garantan a profesionalización estábel e digna da carreira investigadora e faciliten o tránsito entre as súas distintas fases.

Colectivo de Investigadoras e Investigadores Posdoutorais da Galiza

Os tres colectivos buscan agora crear un espazo de encontro e de debate onde compartir experiencias, problemas e propostas. Esta mesa redonda serviu tamén para presentar ao Colectivo de Investigadoras e Investigadores Posdoutorais da Galiza, unha rede formada no pasado mes de xullo para protestar polas condicións da nova convocatoria de axudas.

Este colectivo aspira a converterse nun interlocutor habitual entre o persoal posdoutoral das universidades galegas e os organismos da Xunta encargados de deseñar os programas de captación e retención de investigadores novos.

A primeira reunión que teñen por diante será coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria para debater varias propostas, como as que atinxen á necesidade de fixar un calendario anual estábel para as distintas convocatorias de axudas.

Comentarios