O persoal do Consorcio de Benestar clama pola estabilidade ante a convocatoria de oposicións

A Consellaría de Política Social cifra en 43% o seguimento da folga convocada por CNT. As e os empregados lamentan que na oferta de emprego público non se vaia ter en conta a experiencia nin a antigüidade.
Concentración do persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar en San Lázaro (Foto: Europa Press).
photo_camera Concentración do persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar en San Lázaro (Foto: Europa Press).

Traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar apelaron á Xunta da Galiza a avanzar na "estabilización" dos seus postos despois de anos de temporalidade marcados por contratos por obra e servizo.

Fixérono durante unha concentración ás portas do edificio administrativo de San Lázaro na que participaron un cento de persoas e nas que as representantes da CNT e empregadas do Consorcio, Elia Ladra e Lorena Alvite, explicaron que a folga indefinida iniciada hoxe, que se prolongará todas as quintas feiras con paros entre as 8 e as 11 horas, busca acadar unha solución á temporalidade dos seus postos, que é "superior a 90%".

Segundo denunciaron, moitas das traballadoras levan "13 ou 14 anos" prestando servizos para o Consorcio e agora ven perigar os seus postos coa convocatoria dunha oferta de emprego público aberta na que, critican, non se ten en conta a súa antigüidade e experiencia.

Así as cousas, esixen ser recompensadas polo que consideran un "abuso" na contratación temporal durante estes anos e avisan de que mentres elas están a coidar ás persoas vulnerábeis no medio da pandemia, outras persoas poden estar a preparar a oposición.

Ademais, lembran que, nestes momentos, no Consorcio, de 1.700 prazas hai uns 300 contratos xudicializados polo que se podería dar o caso de que "para a mesma praza haxa dúas persoas, unha que sacase a oposición e outra que a gañase nos xulgados". Por iso avogan por solucións como un concurso de méritos. "O que queremos é que nos deixen seguir traballando nas nosas prazas", subliñan.

Por último, criticaron os servizos mínimos aprobados pola Xunta, que cualificaron de "abusivos". "Case 50% das persoas que poderían ir á folga non puideron facelo porque están de servizos mínimos", censuran.

Precisamente, desde a Consellaría de Política Social cifraron o seguimento da folga en 43,2% e lembraron que a OPE permitirá, a través dos distintos procesos selectivos, converter en prazas fixas os postos que na actualidade están cubertos de forma temporal.

Tamén apuntaron que as bases están aínda en proceso de negociación e que a Xunta traballa para que a fase de concurso puntúe 40% e se teña en conta para a mesma, entre outros aspectos, os anos traballados e a experiencia das solicitantes.

Comentarios