Persoal das electrointensivas saen á rúa

Un estatuto para as industrias electrointensivas paralizado e os últimos días de negociación do expediente de regulación de emprego (ERE) de Alcoa San Cibrao protagonizaron a marcha que reuníu nas rúas da Coruña centos de operarias e operarios do sector convocados pola CIG, CCOO e UXT.
Marcha dos sindicatos CIG, CCOO e UXT na Coruña (Nós Diario)
photo_camera Marcha dos sindicatos CIG, CCOO e UXT na Coruña (Nós Diario)

Centos de traballadoras e traballadores participaron esta sexta feira na Coruña da marcha convocada polas forzas sindicais CIG, CCOO e UXT baixo o lema "Pola defensa do emprego e da industria electrointensiva. Enerxía solución". A protesta partiu da sede da Xunta da Galiza nesa cidade para rematar diante do edificio da Delegación do Goberno español.

Esta mobilización estaba prevista para o pasado día 10 de xullo mais tivo que adiarse por motivos de seguridade após o fechamento da comarca da Mariña, onde se atopa a factoría de Alcoa San Cibrao (Cervo), polo foco de coronavirus. Desta vez o persoal desa multinacional tamén puido acudir, con excepción dos que traballan en Burela, concello que ten restricións. 

Sen novidade do Estatuto de electrointensivas

"Seguimos con preocupación pola falta de avances na creación da tarifa industrial que sería o tema do Estatuto das Industrias electrointensivas", explica a Nós Diario Xoán Xosé Bouzas, da CIG. A desinformación e a falta de diálogo son algunhas das eivas máis importantes que salientan desde a central nacionalista. "Descoñecemos cales foron as alegacións que se incorporaron ao novo estatuto", asegura a Nós Diario desde UXT Javier Carreño, "e o día 23 de xullo rematan as negociacións do ERE de Alcoa San Cibrao", engade. Para Bouzas é importante saber tamén cal será o procedemento. "Se é un proxecto de lei atrasaría aínda máis a súa posta en marcha", indica o sindicalista. 

Xunta e Goberno español

A ameaza de despidos masivos é unha realidade a día de hoxe", indica Bouzas, "e tanto o Goberno do PP na Xunta como o de PSOE e Podemos no Estado español seguen sen adoptar ningún tipo de medida que evitaría esta situación", engade. Este é un dos motivos polo que os tres sindicatos decidiron ligar ambas as delegacións gobernamentais da Coruña para centrar as protestas.

Víctor Ledo, de CCOO, explica a Nós Diario que as Administracións seguen sen actuar. "No caso de Alcoa a propia Xunta, con competencias en emprego, debería imporlle á empresa unha prórroga na negociación e non o fai". Denuncian que levan máis dun ano "pendentes do estatuto e de medidas complementarias e segue pasando o tempo. Para eles, en realidade, non somos sectores estratéxicos, somos sectores abandonados".

Comentarios