Persoal das electrointensivas reitera que “non hai escusas” para non aprobar o estatuto para o sector

electrointensiva

Delegados e delegadas da CIG nas industrias electrointesivas continuaron esta sexta feira co calendario de mobilizacións en demanda dunha tarifa industrial “xusta, estábel e competitiva” para o sector.

Na protesta, que se desenvolveu diante do edificio da Delegación do Goberno na Galiza, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, valorou que unha vez investido o presidente, co novo Executivo a piques de nomearse e co primeiro Consello de Ministras e Ministros convocado para a vindeira semana "xa non hai ningún tipo de escusa para o que Goberno español non aprobe de inmediato as medidas necesarias para rematar coa situación agónica que existe no sector pola falta dunha tarifa industrial".

Lembrou a ameaza que pende sobre o emprego e a continuidade na produción de aluminio en Alcoa San Cibrao; a incerteza na que continúa Alu Iberia; o ERTE, o descolgue salarial e o desmantelamento do convenio colectivo que pretende Ferroatlántica na planta de Sabón; a inseguridade que se vive en Ferroatlántica de Cee e Dumbría; ou as "nubes" que pesan sobre Celsa Atlantic.

"Todo isto obriga a que o Goberno español contemple entre as súas primeiras medidas a aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo que dea unha solución definitiva", recalcou.

O secretario xeral da CIG denunciou tamén que as empresas aproveitan o argumento dos altos custes da enerxía “para aplicar duras medidas de recortes de dereitos e de empregos”.

Comentarios