Persoal das auxiliares ocupan as oficinas centrais de Endesa na Coruña

Piden compromisos co emprego e que non haxa despedimentos no proceso de transformación da central.

endesa auxiliares

Unhas vinte traballadoras das auxiliares da central térmica das Pontes levan a cabo desde o mediodía desta segunda feira un peche nas oficinas que Endesa ten no barrio coruñés de Matogrande para esixir ao director territorial, Miguel Tembooury, un compromiso co emprego similar ao que lle ten trasladado a eléctrica ao seu persoal propio.

En declaracións a Sermos Galiza, Alberte Amado, da sección sindical de Industria da CIG, sinalou que a compañía “é a única que ten potestade para frear os despedimentos” e evitar a “discriminación” que suporía prescindir dunhas traballadoras si e doutras non “solo polo feito de ser das auxiliares”.

As persoas que levan a cabo esta acción tras coñecerse a intención da empresa de pechar definitivamente as instalacións da térmica queren garantías de que non se van producir despedimentos nas contratas no proceso de transformación das instalacións. Tamén reclaman a Endesa que concrete a data na que presentará a solicitude de peche e a concreción de alternativas industriais que minimicen o impacto que a parada da actividade terá no emprego e na economía da comarca das Pontes.

Comentarios