O persoal de Alcoa convoca unha folga indefinida e non deixará saír aluminio da factoría

Na asemblea que decorreu esta mañá, após dunha protesta ás portas da factoría de San Cibrao (Cervo), as e os traballadores tamén decidiron que sí poderán entrar no complexo aqueles transportes que leven materia prima. O obxectivo é que non paren as cubas de tratamento do aluminio.
EuropaPress_3346471_trabajadores_alcoa_convocados_pazo_cea_horas_despues_finalizacion_mesa
photo_camera Unha imaxe da convocatoria de onte en Nigrán. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

Após de que a reunión coa empresa de onte rematase sen acordo, o cadro de persoal de Alcoa en San Cibrao acordou na asemblea realizada hoxe que irán á folga a partir do día 4 de outubro.

Ademais, impedirán a saída do aluminio da fábrica mentres non haxa un achegamento de posturas coa multinacional.

Coa fin de evitar o ERTE ou o ERE que propuña a compañía por correo electrónico (malia manter un encontro presencial) esta segunda feira, as e os operarios de Alcoa en Cervo van loitar contra o feche cunha folga e o impedimento de que se siga facendo negocio co aluminio mentres os seus postos de traballo están en dúbida.

Así o trasladaron hoxe os representantes do persoal, que na reunión para fixar as accións a realizar decidiron que en catro días darán comezo a unha folga indefinida.

Ademais de pedir á Xunta e ao Goberno do Estado que fagan presión sobre a compañía, polo que está nas súas mans impedirán a saída da produción.

Porén, deixarán entrar a materia prima porque, precisamente, o que non se poden permitir para garantir a supervivencia da actividade é que paren as cubas de tratamento.

Nunha xornada na que se sucederon as reaccións á falta de acordo de onte á noite, as e os empregados volveron facer unha protesta ás portas do complexo industrial de San Cibrao.

Comentarios