Contra a "persecución política e a criminalización do independentismo"

Novos chamamentos a participar na manifestación nacional deste domingo en Compostela en apoio aos 12 independentistas encausados na Operación Jaro

audiencia_nacional

Este domingo, 18 de outubro, un día antes de que principie o xuízo na Audiencia Nacional contra os 12 independentistas galegos encausados na Operación Jaro, Compostela acollerá unha manifestación nacional (con saída ás 12 horas da Alameda) en que se demandará a absolución dos procesados e a continuidade do status legal de Causa Galiza e Ceivar, organizacións en que militan.

Durante os últimos meses diferentes organizacións sindicais, sociais e culturais mostraron o seu rexeitamento a este xuízo na Audiencia Nacional. Tamén a cidadanía e diferentes personalidades, e formacións políticas como o BNG. A pasada quinta feira, o portavoz da organización frontista no parlamento español, Néstor Rego, transmitiu canda outros representantes políticos no Congreso a súa solidariedade cos encausados, ao tempo que se denunciou a criminalización do independentismo.

Entre os presentes nese acto estaba Joám Peres, un dos investigados, que ante o Congreso dos Deputados denunciou que o proceso procura "ilegalizar un partido político independentista", así como o colectivo Ceivar, "organizacións que desenvolven o seu traballo político á luz do día, en absoluta legalidade".

Tamén este sábado se pronunciou, como en anteriores ocasións, a formación nacionalista Anova, que chamou a participar na manifestación nacional. Nun comunicado remitido aos medios, Anova considera que o xuízo que terá lugar na Audiencia Nacional é un "medio para a persecución política e a criminalización do independentismo". Ademais, informou que o portavoz nacional da formación, Antón Sánchez, participará na marcha.

"Ser independentista non é un delito", dixo, e engadiu: "Xa abonda de xuízos políticos e de criminalización de determinadas ideas incómodas para o poder". Ademais, apuntou que "desde Anova facemos un chamamento á participación a toda aquela cidadanía que queira defender uns mínimos democráticos, e a liberdade de expresión e de participación política".

"Quebrantamento de múltiplos dereitos fundamentais"

O Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca elaborou recentemente un relatorio no que debulla as acusacións contra os 12 independentistas. Este informe xurídico conclúe que foron quebrantados "múltiplos dereitos fundamentais" dos acusados de Ceivar e Causa Galiza. Denuncian que o tribunal estaría tratando como terrorismo "actividades pacíficas de disidencia".

O estudo analiza as implicacións legais da investigación dende a etapa policial até os xulgados. A conclusión é que o proceso incorreu nunha "vulneración" de cinco dereitos fundamentais, desde a liberdade de expresión aos "dereitos de participación política". As denuncias de Esculca sumáronse ás críticas expresadas semanas atrás polo avogado defensor de nove dos acusados de Causa Galiza.

Comentarios