A peronista Cristina Fernández optará á vicepresidencia de Arxentina

Volve Cristina Fernández de Kirchner. Pero volve dunha maneira singular. Este sábado, 18 de maio, anunciou que se presentará non á presidencia -como era agardado- senón á vicepresidencia de Arxentina. A peronista de esquerdas, que xa foi xefa do Executivo entre 2007 e 2015, regresa á primeira liña.
 

Cristina_Kirchner 2015_en_Río_Gallegos
photo_camera Cristina Fernández de Kirchner vota nas eleccións de 2015 en Río Gallegos. Foto: Wikipédia.

Fernández de Kirchner concorrerá da man de Alberto Fernández, xefe de gabinete no mandato de Néstor Kirchner (2003-2007) e co no pasado mantivo serias diferenzas políticas. Mais a desfeita económica e social do Goberno de Mauricio Macri, un empresario neoliberal que asumiu a presidencia en decembro de 2015, parece reducir distancias nos sectores progresistas do peronismo.

“Traballaremos para devolver a dignidade a millóns de arxentinos e arxentinas que este Goberno sumiu na marxinalidade e na pobreza”, explicou Alberto Fernández a través das redes sociais. O tándem dos Fernández, segundo explican no xornal arxentino progresista Página 12, procurarán agora alianzas para construír unha fronte ampla “panperonista e progresista”.

Fernández de Kirchner, pola súa banda, expuxo xa as lindes do territorio político en que se moverán: “Vaise tratar de gobernar unha Arxentina outra vez en ruínas, cun pobo outra vez empobrecido, nunha situación de endebedamento e empobrecemento peor que a de 2001”. A crise arxentina de comezos de século orixinou unha enorme revolta social, fixo caer media ducia de presidentes e o país só comezou a súa relativa estabilización cando Néstor Kirchner gañou as eleccións de 2003.

Comentarios