A periferia fica derrotada no cumio europeo

O acordo final do cumio de xefes de Goberno da Unión Europea vén confirmar as tendencias manifestadas ao longo da xuntanza. Mentres os mandatarios dos Estados do sur tentan significar o carácter histórico do aprobado, os dirixentes dos países centrais preséntanse como grandes gañadores do conclave. 

Angela Merkel, Emmanuel Macron e Charles Michael, durante o cumio. (Foto: Europa Press)
photo_camera Angela Merkel, Emmanuel Macron e Charles Michael, durante o cumio. (Foto: Europa Press)

A proposta final aprobada no cumio europeo de Bruxelas destes últimos días fica lonxe das demandas iniciais dos Estados da periferia e mesmo da proposta do propio presidente do consello Europeo, Charles Michael, ao comezo da xuntanza. Así, o orzamento comunitario para o período que vai entre 2021 e 2027 sitúase en 1,074 billóns de euros, unha contía moi inferior á defendida polo Parlamento europeo ou polos Gobernos español e italiano, que demandaban 1,5 billóns de euros. 

A maiores, unha parte substancial do denominado fondo de reconstrución pasa a ser financiado con diñeiro procedente doutros programas, con especiais rebaixas nas contías da Política Agraria Común (PAC), dos fondos de cohesión e dos incentivos ao investimento privado promovidos polo Banco Europeo de Investimentos (BEI), que perde 26.000 millóns de euros.

A contribución dos Estados centrais ao orzamento comunitario redúcese de maneira moi significativa. Por exemplo, os Países Baixos reducen en 1.921 millóns de euros a súa achega anual ao orzamento comunitario, Suecia en 1.069 millóns de euros, Austria en 565 millóns de euros, Dinamarca en 322 millóns de euros, sendo a máis beneficiada Alemaña, que deixa de contribuír ás contas europeas por unha cantidade de 3.671 millóns de euros ao ano. Unha das grandes incógnitas da xuntanza dos últimos días é precisamente o papel de Alemaña, aparentemente comprometida cun acordo máis expansivo pero que, segundo algunhas opinións, pode estar detrás da posición mantida polos denominados “países frugais”.

Fondo de reconstrución

O coñecido como fondo de reconstrución mantén a súa contía de 750.000 millóns de euros pero a súa funcionalidade muda de forma radical ao alterarse de maneira considerábel a porcentaxe de transferencias e créditos. O día do comezo do cumio o presidente do Consello Europeo, Charles Michael, defendía un reparto do fondo onde 66% de 750.000 millóns de euros se correspondían con subvencións e 33% con préstamos, mais finalmente só 52% de 750.000 millóns de euros serán axudas directas. Así, o Estado español pasa a recibir arredor de 140.000 millóns de euros, 72.700 dos cales son transferencias e o restante créditos.

Os Estados europeos, para accederen ás partidas do fondo de reconstrución, deben presentar unha proposta á Comisión, que conta cun prazo de dous meses para resolver. Segundo o documento aprobado no cumio europeo, “os Gobernos nacionais terán que elaborar plans de reformas onde se recollan medidas para facer máis competitivas as súas economías”. Neste sentido, no caso do Estado español, as autoridades comunitarias esixen unha reforma do réxime de pensións que amplíe a base de cálculo do período de xubilación e un retraso na mesma, unha suba dos impostos indirectos, concretado na eliminación dos tipos superreducidos ou reducidos do Imposto do Valor Engadido (IVE) e unha nova regulación do réxime laboral.

As condicións

As axudas europeas van estar sometidas a unhas duras condicións e a unha estrita vixilancia. A análise do plano de reformas vai ser realizada pola Comisión europea, que pode introducir modificacións con carácter preceptivo, correspondéndolle a súa aprobación definitiva ao conxunto dos Estados da Unión Europea, por unha maioría cualificada. Unha vez aprobado o plan, o Estado que solicite os fondos debe cumprir cunha serie de obxectivos e criterios recollidos na petición de axuda, correspondéndolle á totalidade dos países da Unión determinar se cumpre co exixido. No caso de que un deles considere que o país receptor está incumprindo as condicións impostas, non se pode facer efectivo o desembolso, adiándose o acordo a unha nova xuntanza dos xefes de Goberno dos Estados membros.

O Executivo español xa dá por boa a existencia de condicións para acceder ás axudas e aos préstamos europeos. Se nun primeiro momento Pedro Sánchez e outros membros do seu Goberno como Pablo Iglesias negaron esa posibilidade, onte mesmo a ministra de Economía, Nadia Calviño, vía “lóxica” a súa existencia. “Cando os países acordan endebedarse xuntos para investir é normal que fixen en conxunto as principais liñas de acción de futuro, que deben incorporar reformas nos distintos países”, concluíu Calviño.

O Estado español non vai poder dispor das primeiras partidas do fondo de reconstrución até o segundo trimestre de 2021. A este respecto, diversos analistas critican que o diñeiro chegue tarde para as urxencias da economía española, significando que o groso das axudas non van ser efectivas até 2022. Marcan o ritmo das mesmas os Gobernos dos 27 países da Unión Europea.

Comentarios