Cultura

A peregrinaxe musical de Luar na Lubre polo Camiño das Estrelas

Coa conciencia de cumprir unha "débeda pendente", Luar na Lubre dedica un álbum dobre ao Camiño de Santiago, 'Vieiras e vieiros', centrado nas historias das persoas que transitan a ruta xacobea.
Actual formación de Luar na Lubre, unha das bandas máis emblemáticas do folk galego.
photo_camera Actual formación de Luar na Lubre, unha das bandas máis emblemáticas do folk galego.

oxe sae á luz Vieiras e Vieiros, historias de peregrinos, o novo disco de Luar na Lubre, que constitúe o número 19 dunha das bandas máis emblemáticas do folk na Galiza. Este traballo, como o propio nome suxire, ten o Camiño de Santiago como espazo unitario, unha temática que non lle é allea á banda. Disto dá testemuño un CD dobre, no que o segundo volume se artella a modo de compilación das diferentes incursións do grupo na lírica medieval galega.

Desta maneira, o disco era case unha "débeda pendente", explica Irma Macías, actual vocalista de Luar na Lubre, que traslada a "fonda ilusión" coa que emprenderon este traballo. O álbum supón así un paso adiante que leva a "concretar a achega, máis que ao camiño, ás figuras humanas que o percorren, eses portadores das vieiras que crean todos os sendeiros que chegan á Galiza e finalmente conflúen no mar", engade Bieito Romero, o máis veterano integrante da formación.

Amoldada ao percorrido do Camiño das Estrelas, a viaxe vai facendo roteiro nun disco que peregrina el propio cara a Compostela. O periplo comeza "No Cebreiro" como gran pórtico da Galiza para avanzar, sen seguir un trazado puramente xeográfico, cara á pegada da peregrinaxe na tradición. Con todo, hai un certo sentir de viaxe que estrutura os 14 temas, con cortes ambientais intercalados.

A banda sonora do camiño

Os sons do camiño –as pisadas, o galo, o tanguido das campás...– serven de interludio entre as pistas, integrándose por momentos na música. "Non nos centramos tanto na estrutura do camiño en si, aínda que efectivamente as distintas sonoridades están feitas correlativamente", explica Romero. As gravacións non son xenéricas.

Para recoller estas faixas intermedias fixeron o Camiño desde Vilafranca (Catalunya) até Fisterra. "Queriamos que todo fose máis intenso", explica Macías, se ben ela, a diferenza de Romero, non estivo nesta aventura. "É a banda sonora real, da natureza e tamén da incidencia humana", argumenta el, que posúa a pretensión de crear unha atmosfera envolvente que transmita de maneira máis directa xustamente esa esencia da peregrinación que supón transitar os espazos.

Historias de peregrinos

Vieiras e Vieiros parte ademais dun proceso profundo de investigación que comprende non só a parte máis tradicional de todo o legado que chegou vivo  aos nosos días desde moi diferentes puntos do globo, con temas en latín, galego, inglés e francés, reflectindo o carácter internacional desta vía de comunicación da Galiza co mundo.

Musicalmente, o Camiño de Santiago xogou un papel chave, pois as persoas que o percorrían "non eran simples camiñantes, eran portadores de culturas, que viñan cos seus instrumentos e tocando as súas músicas", afirma o compositor. Sen esa pegada, parte da música galega actual non se entendería. Nestas sinerxías de ida e volta, tamén as e os camiñantes levarían a influencia galega para os lugares de orixe.

O disco combina temas recollidos –pasados polo filtro de Luar na Lubre– con composicións propias. Estas últimas están baseadas na lírica tradicional, desde a perspectiva folk que caracteriza o consolidado estilo da banda.

As múltiples historias que inspiran os temas do álbum veñen de fontes como o Códice Calixtino, do que parte "Dum Pater Familias", o máis antigo canto dos peregrinos na súa chegada a Santiago. Na conexión mitolóxica celta, hai tamén espazo para a lenda. "Dugium" recupera o relato da vella cidade romana asolagada polas augas xunto ao mar de Fisterra.

"O peregrino agochado" lembra Leonard du Revenat, que segundo algunhas versións pena os seus pecados eternamente xunto á Porta Real  da catedral e cuxa sombra se presenta cando a escuridade cae na Quintana dos Mortos; mentres "Mártiros e o vákner" refire a figura de Mártiros de Arzendjan, peregrino armenio que chegou a Compostela no século XV e, logo de recibir a beizón do Apóstolo, atopou en dirección Fisterra unha besta maligna: vákner.

Dentro das pezas recollidas destacan "O cego andante", que  arranxa un popular cantar de cego que conta con múltiples variantes, ou "Na romaría", composto sobre dous temas para gaita de orixe tradicional.

Aliás, salienta, entre as varias colaboracións, a benvida ás peregrinas por Miguel Ríos, que canta en galego desde "onde a choiva é arte". Ademais, acompañan Luar na Lubre artistas da talla de Nani García ou un coro formado especificamente para a ocasión.

A música continúa

O disco estaba previsto para saír o 14 de abril, coa primeira presentación en Compostela o 18 do mesmo mes. Porén, en plena corentena, víronse na obriga de adiar, ademais do lanzamento, moitos dos concertos iniciais da nova xira.

O primeiro directo que van dar após o confinamento, que servirá de presentación do álbum, será hoxe mesmo na Estrada, una "fermosa coincidencia", di Macías, que lles bota, con todo, a presión enriba, pois será a súa primeira actuación adecuada aos protocolos de seguridade para previr a COVID-19, que os collen "como novatos".

A incerteza domina no horizonte das artistas, á agarda de ver como decorren as datas do verán. Mais "o mundo continúa e a música non pode parar", conclúe Romero sen deixarse afundir polo pesimismo.

Comentarios