Opinión

Perdóname, Dépor

“O fútbol é o teatro da identidade: familia, tribo, cidade, nación”. Así é como o filósofo Simon Critchley define o gran entretemento obreiro, o deporte que xusto por esa condición vive como ningún outro o ataque da desnaturalización; na era posmoderna os grandes relatos teñen que ceder espazo aos valores comerciais. Pero o fútbol algo resiste, nas bancadas, nas tabernas e nos campos modestos máis que na televisión e nas tendas.

Aquí lles fala un futboleiro de vella escola, e aínda máis que iso, deportivista. Polo tanto, este sábado á noite teño que ver o Dépor-Oviedo. E así sería. Pero non, cruzouse outro evento con balón. E voulle poñer os cornos a aquilo ao que pertenzo, algo que tantas e tantas veces critiquei (sobre todo cando coinciden os encontros do conxunto coruñés e os do Real Madrid. Teño dito diversas barbaridades aos que din ser branquiazuis pero nesas situacións elixin o merengue e quedan desenmascarados). E agora, xa ven, eu aquí, pedíndolle desculpas ao Dépor, non ao Real Club Deportivo senón ao Dépor, que como concepto supón algo máis amplo que un club, é unha identidade.

Coincide o partido noso contra os asturianos coa final de todas as finais, un dos encontros máis esperados da historia, un monumento ao fútbol. Falo da resolución a dupla volta da Copa Libertadores 2018, a Champions sudamericana. Xógana os dous clubes con maior rivalidade do planeta, ambos de Bos Aires: River Plate e Boca Juniors. Hai que velo. Toca, non sen dúbidas, ser infiel.

Os seareiros entenderán de xeito fácil o meu dilema.

 

Aquel que non sexa afeccionado ao fútbol estará a piques de deixar este artigo ante o ton de frikada que está collendo a cousa. Pola contra, os seareiros entenderán de xeito fácil o meu dilema. Que ademais habilita espazo para algunha reflexión rápida sobre o significado de fidelidade ou identidade, sempre partindo de que cando está o fútbol por medio adoita ser habitual que os nosos ideais máis firmes se tomen un descanso, enténdese que asumible.

Non comprendería e nin sequera me gustaría a miña vida sen o Dépor e todo o que arredor del se produciu e vivín. Ninguén me vai dar un galón que teño gañado. Pero pola loucura esta que temos os que “sentimos as cores” -frase feita que semella saída dun libro de Oliver Sacks- non me queda outra que pedir perdón. Vou ver o Boca-River e non o Dépor, e vou coa franxa vermella, así me quedou grazas a sempre añorados amigos bonaerenses. Podo prescindir dunha cita de rutina branquiazul por un evento único. É lóxico, como tamén o contrario. Non digo a ninguén que me imite, só avalo a miña excepción.

Porque á fidelidade (e isto vai de fútbol e pode que do socio-político, nunca, glups, de relacións personais) hai que darlle un mínimo de elasticidade, senón convertémenos en relixiosos, e iso nunca, por favor. Así que un día, con xustificación, pódese faltar a clase, mesmo se debe. En oitavo curso de EXB pedínlle á mestra que me deixara saír da aula un anaco para ir mercar o disco que Barricada sacara ese mesmo día. Entendeuno e permitiuno (ou máis ben doume por imposible, esa é outra historia, a da paixón polo ruído).

Porque á fidelidade (e isto vai de fútbol e pode que do socio-político, nunca, glups, de relacións personais) hai que darlle un mínimo de elasticidade, senón convertémenos en relixiosos, e iso nunca, por favor

 

Non pasa nada se algunha vez, en vista dos acontecementos, un mesmo renuncia ao que se puxo como norma para percorrer outros camiños. Pero sen tranformarse no rival. Abandonar o branquiazul un par de horas por unha final River-Boca, BEN; abandonar totalmente o Dépor polo Real Madrid, MAL.Ou, para que me entendan, confluír con outras forzas en pos da unidade popular, BEN; permitir que esa decisión te faga apoiar o que sempre odiaches (someterse a outros nas Cortes), MAL.

Así que xa saben o minúsculo pecado que cometerei esta fin de semana. Non será definitivo, nin moito menos. Pero hai que ter cintura. En todo caso, perdóname Dépor. E dálle River.

Comentarios