Subsidios aos combustíbeis

“Perdemos o medo”, di o movemento indíxena ante o paso atrás do Goberno do Ecuador

O presidente ecuatoriano, Lenín Moreno, fixo oficial a derrogación do polémico 'paquetazo' tras chegar a un acordo coa Confederación de Nacionalidades Indíxenas do Ecuador (Conaie) despois de case dúas semanas de protestas.

conaie-jaime_vargas
photo_camera Jaime Vargas, presidente da Conaie. (Foto: conaie.org)

O presidente do Ecuador, Lenín Moreno, fixo oficial a derrogación do polémico decreto 883 tras chegar a un acordo coas organizacións indíxenas despois de case dúas semanas de fortes protestas. A derrogación confirmouse coa publicación na Gaceta Oficial do decreto 894, "déixese sen efecto o Decreto Executivo 883 de 1 de outubro do 2019, publicado no Suplemento ao Rexistro Oficial número 52 de 2 de outubro de 2019", sinala.

"Procédase, de xeito inmediato, á elaboración dun novo decreto executivo que permita unha política de subsidios de combustíbeis, cun enfoque integral, con criterios de racionalización, focalización e sectorialización, que prevea que estes non se destinen ao beneficio de persoas de maiores recursos económicos, nin a contrabandistas de combustíbeis", estipula o artigo dous do novo decreto 894, que estabelece ademais que a partir desta terza feira, 15 de outubro, os prezos da gasolina e do diesel se manterán até a publicación dun novo decreto.

Pola súa banda, o presidentes da Confederación de Nacionalidades Indíxenas do Ecuador (Conaie), Jaime Vargas, deu unha conferencia de prensa esta segunda feira, 14 de outubro, na que anunciou a derrogación do decreto 883 e a “liberación” do pobo. “Perdemos o medo, xa non somos eses indíxenas que nos deixabamos humillar polo Goberno. O pobo ten que expresarse”, dixo.

Comentarios