Opinión

Perde Palestina, perde a paz mundial

Que a chamada Orde Internacional se rexe por principios baseados nunha relación desigual e, por tanto antidemocrática, entre os pobos non é novo. Porén, aínda non deixa de sorprender. Ben como a ausencia dun mínimo espírito crítico da maior parte dos medios de comunicación ao compraren o “relato”. Así, a nova manobra argallada entre Israel, os Estados Unidos de América e os Emiratos Árabes Unidos, con grandes eloxios da Gran Bretaña, Franza, Exipto, Trump, Joe Biden e, até das Nacións Unidas, preséntasenos  como un “novo acordo de paz”. Un acordo que prescinde e nega un dos seus supostos beneficiarios, o pobo palestino. Diante de tales “actores” nen sequer faría falta ler os termos da farsa que, de novo, está destinada a negar a voz e a soberanía a un pobo a quen llas confiscaron, xunto co roubo constante do seu propio territorio. De novo, perde a Palestina, para os demais gañaren.

Gaña Netanyahu, en xulgamento por corrupción e sitiado pola súa xestión neglixente da crise sanitaria e económica. Agora pode desviar a atención dunha maioría da poboación, levala ao seu terreno da “seguranza nacional” e apresentarse como o primeiro estadista israelita que asina o primeiro acordo cun estado árabe. Mais os seu gaños non son apenas eleitorais. Son tamén tácticos e estratéxicos. A pantomima da ameaza da ocupación da Cisxordania, como se xa non o estivese, pode ser o ensaio para un próximo acordo coa Arabia Saudita e outros estados sunnitas para cercaren o seu inimigo xiíta, o Irán, ao mesmo tempo que tece a renuncia do mundo árabe á causa palestina.

Gaña Trump, quen agora pode anotar un tanto en plena pre-campaña e se xactar dunha vitoria na política exterior para encubrir os seus propios fracasos: Corea do Norte e Irán. De forma tráxico-cómica, o seu conselleiro de seguranza nacional non deixou pasar nen un minuto para declarar que o presidente norteamericano “debería ser un favorito ao Premio Nobel da Paz”.

Perde, máis unha vez, o pobo palestino, que novamente ve como o seu destino é determinado por outros, con decisións tomadas sen o seu coñecimento e, xa non digamos, o seu consentimento. E, o que aínda pode ser pior, traizoado e mesmo no camiño de ser cercado por unha boa parte dos países árabes que no seu momento se conxuraran en negar a normalización e lexitimación de Israel sen previo recoñecimento do direito de autodeterminación e creación do estado palestino. Perde a paz mundial.

Comentarios