CRISE BRANQUIAZUL

O peor Dépor de todos os tempos

A estatística revela que, logo de 13 encontros de liga disputados, nunca nos seus 113 anos de historia o Deportivo da Coruña sumara menos puntos que na actualidade.

Deportivo de la Coruña

Deportivo de la Coruña

  (Foto de ARCHIVO)

8/18/2019
photo_camera [Imaxe: Europa Press] O Dépor, celebrando un dos 12 goles que leva anotados no que vai de campionato

O Deportivo está a vivir a situación máis dramática da súa historia, segundo revela a análise das estatísticas, pois nunca en 113 anos de existencia sumara menos puntos que os nove da actualidade logo de 13 encontros disputados.

Após tres semanas do artigo realizado por Sermos Galiza no que se explicaba que o Dépor realizara o seu peor inicio de sempre na Segunda División, os branquiazuis non conseguiron reconducir a situación, pois de nove posíbeis sumaron tan só un punto, o do recente empate contra o Racing de Santander, o que converte este no seu peor comezo de campionato de todos os tempos, incluíndo as campañas en Primeira División

Tan só existe un precedente, na tempada 1964/65, hai exactamente 45 anos. A diferenza do que acontece en 2019, o equipo militaba na máxima categoría, e após gañar tres partidos -dous máis que nesta tempada- sumaría os mesmos nove puntos que os branquiazuis teñen hoxe, de aplicarse o sistema de puntuación moderno que outorga tres por vitoria.

De 30 encontros que conformaban a competición, os branquiazuis só gañaron seis e perderon 21, con 18 goles a favor e 50 en contra, o que dá unha media de 1’66 tantos recibidos por partido, moi similar -aínda que por debaixo- dos 1’76 da tempada presente.

Un contexto moi similar ao actual

Crise económica, institucional e deportiva conforman o contexto do Deportivo da Coruña tanto na tempada 2019/20 como na 1964/65.

Por aquel entón a débeda alcanzaba os 2.787.000 pesetas, unha cantidade máis que relevante naquela época. Ademais, Luís Vázquez Pena apenas duraba unha tempada na presidencia e deixaba o seu sitio a Antonio Gónzález Fernández, logo dunha polémica asemblea onde derrotou a Pío García Tizón por tan só 12 votos.

Toda esa situación afectou o terreo de xogo, onde se sucederon até tres adestradores no cargo –Juan Otxoa, Luís Carníglia e Rodrigo de forma interina- ao longo dun campionato no que o club herculino certificou o descenso a Segunda División finalizando na última posición a oito puntos da salvación.

Comentarios