Opinión

Penumbra electoral

O desafío electoral na Galiza está servido. Os chamados corredores de fondo da oposición están baixo a psicose dun ralentí que non mobiliza a súa maquinaria, por carecer dun meticuloso axuste e de maquinistas idóneos e ben breados nas diversas direccións polas que debe transitar, con precisa estabilidade política, ante os desencontros que certos dirixentes teñen coa realidade galega. Mentres a máquina dos que desgobernan, non está desgastada para competir, ousadamente, por uns vieiros ben acondicionados para vehicular unha maquinaria que non se ve interferida por unha oposición incapaz de sinalizar os limites e os excesos de velocidade da dereita. Desta maneira, o espectáculo da carreira electoral está servido, mentres os seus actores. Os da desvantaxe, non procuran reparar os erros da confrontación e a falta de axilidade dunha posta a punto dos complicados motores que, aparentemente, non están prestos para dar a batalla nunha carreira tan desigual.

Mentres a máquina dos que desgobernan, non está desgastada para competir, ousadamente, por uns vieiros ben acondicionados para vehicular unha maquinaria que non se ve interferida por unha oposición incapaz de sinalizar os limites e os excesos de velocidade da dereita

Nesta penumbra electoral son perceptíbeis distinguidas discusións por parte de coalicións (En Marea, Anova, Podemos, Esquerda Unida) que non concretan a elección dos seus representantes para as próximas eleccións autonómicas e aínda non sabemos o nome do candidato á Xunta, por parte desta coalición. Mentres o PSdeG ten resolto o seu candidato, mais os desaxustes do motor socialista fai augas entre o anticuado deseño dos continuístas e os que pretenden vistosas modernidades. Neste caso, a confrontación interna pode que teña un apreciado coste electoral. Quizais o mais explícito en concretar os seus candidatos, ofrecendo coherencia na elección e sen barulleira, evitando espectáculos e dramas que puideran desorientar a un apreciado potencial de electores sexa o BNG, que aínda que leve o peso de dúas derrotas das eleccións xerais, elixiu sen alboroto a Ana Pontón como candidata á Xunta. Un aliciente de firmeza que se manifesta no nacionalismo bloquista, que transitou polo inferno das divisións e agora transcende do purgatorio e, talvez, poida gozar da gloriosa recuperación.

Entre disidencias, personalismos, prepotencias e demasiadas batutas sen pentagrama, a máquina do PP ten suficientes enerxías fronte  ás outras que están sendo reparadas a destempo. A turbulencia remata de comezar coa data das eleccións autonómicas, para o próximo 25 de setembro. Un mes e medio deficiente e incompleto para intentar dar batalla nunha carreira de escasos tránsitos para expor as diversas agonías da Galiza que atopamos nese amplo mosaico de detectada descomposición. E é desexábel que a oposición ao PP desenferruxe a maquinaria e non se perda en confrontacións e temeridades, para non fosilizar ou desviar a verdadeira mensaxe social e nacional, en outra dirección ben distinta do que se debe proclamar e protexer nos comicios. 

Entre disidencias, personalismos, prepotencias e demasiadas batutas sen pentagrama, a máquina do PP ten suficientes enerxías fronte  ás outras que están sendo reparadas a destempo

Por tanto, a harmonía dialéctica debe estar ben afinada no campo da aritmética, onde a solvencia dos números certos teñen que protagonizar o debate, nesta Galiza que soporta diversas e puntuais desfeitas. Tamén o deterioro económico que soporta a sociedade galega debe esclarecerse na sorprendente decadencia demográfica que aporta subdesenvolvemento e emigración. Igualmente, a cultura e o ensino están retrocedendo como causa da intromisión de políticas asimilistas e tramadas polo nacionalismo españolista. Nestas circunstancias, o nacionalismo galego ten que ser eficiente e capaz de dar batalla emancipadora, que revele con datos irrefutábeis as problemáticas que ten agravado o despotismo do PP na Galiza. Sen o desaloxo de quen desgoberna, a penumbra continuará provocando derrota, pobreza e submisión.              
 

Comentarios