Pemex desmonta as promesas da Xunta para o naval galego

A compañía mexicana anunciara a construción de 21 buques nos estaleiros galegos. En case tres anos, só foron adxudicados dous floteis que serán postos á venda agora pola petroleira.

Feijóo e o director xeral de Pemex (Foto: Xunta)
photo_camera Feijóo e o director de Pemex (Foto: Xunta)


O naval galego segue varado á espera da prometida carga de traballo anunciada polo goberno de Alberto Núñez Feijóo. Dende que en 2012 abrira a porta de entrada á compañía petroleira Pemex, os incumprimentos non deixaron de sucederse. E os únicos encargos, un flotel para Barreras -propiedade da empresa mexicana- e outro para Navantia, serán postos á venda.

Pemex anunciou “un plan de axuste” para 2015 pola caída dos prezos do petróleo. A petroleira recortará en 3.600 millóns de euros as súas inversións e comezará a venda de activos, entre os que están os encargos para os estaleiros galegos. A compañía mexicana resta importancia á operación, cualificada como habitual no sector, porén destinará os beneficios a negocios “máis rendibles”.

A execución dos buques recae en estaleiros mexicanos, o que evidencia a estratexia de Pemex -que esta nunca ocultou- cando decidiu invertir no naval galego: a transferencia de coñecemento e tecnoloxía.

En que posición deixa este “axuste” o naval galego? Altos cargos do ‘xigante’ dos hidrocarburos insisten en que a participación no estaleiro vigués Barreras –onde posúe máis da metade do accionariado- non periga. Mais o certo é que ningún dos encargos prometidos durante os últimos anos, que solucionarían segundo o goberno galego a falta de carga de traballo no sector, están na mesa.

Dos 21 barcos comprometidos por Pemex, a maioría están a ser construídos finalmente en México. A empresa petroleira encargou só os deseños da súa flota menor ao estaleiro vigués Freire e á filial da empresa asturiana Armón. Mentres que a execución dos buques recae en armadores do país azteca, o que evidencia a estratexia de Pemex -que esta nunca ocultou- cando decidiu invertir no naval galego: a transferencia de coñecemento e tecnoloxía.

Nin carga nin postos de traballo

Tampouco hai noticia dos encargos ‘extra’ para Barreras, anunciados por dirixentes da empresa paraestatal e logo ratificados por dirixentes do PP após a compra do centenario estaleiro vigués. Tampouco do segundo flotel para Navantia. Ningún dos contratos foron licitados e, á vista dos recortes orzamentarios da petroleira, nada apunta a que vexan a luz.

Aliás, a promesa de miles de empregos para o sector confronta cos escasos centos de operarios que traballan na actualidade nos floteis en Vigo e Ferrol. A construción vai en “tempo e forma”, coa metade do proceso avanzado, para a botadura prevista para xullo de 2016, segundo informaron fontes da empresa mexicana. Despois desa data, a incerteza volve roldar sobre o naval galego, coa ameaza de máis despedimentos e peches, nun sector moi castigado xa pola crise e as sancións europeas. 

Malia esta situación, o goberno de Núñez Feijóo reitera que “non existe dúbida algunha” sobre os compromisos con Pemex. A entrada da empresa mexicana foi unha aposta do presidente galego, na que tamén participou o presidente do estado español, Mariano Rajoy. Unha realidade que a propia Pemex desmentiu con cada paso dende o seu desembarco en Galiza.
 

Comentarios