Atletismo

Peleteiro cumpre en La Nucía e Saleta Fernández e Adrián Ben dan un salto de calidade

A representación galega sumou once medallas nos campionatos estatais celebrados a pasada fin de semana en La Nucía (Alacante). A un mes dos mundiais, só Peleteiro ten asegurada a praza para competir en Doha, pero o mediofondista mellorou as súas opcións e a saltadora de altura intentou unha marca que a metería na lista. 
Trio Nucia
photo_camera Ana Peleteiro, Adrián Ben e Saleta Fernández.

Ana Peleteiro cumpriu o trámite de participar (e gañar a proba de triplo salto) e Adrián Ben confirmou a súa capacidade para competir a alto nivel nos 800 metros conseguindo a medalla de prata por diante de Álvaro De Arriba. Peleteiro e Ben son case seguros para o Mundial de Doha, pero houbo unha opción inesperada de sumar unha galega máis á lista onte no campionato estatal en La Nucía (Alacante): Saleta Fernández. A saltadora superou por vez primeira o 1,90 e puxo o listón en 1,92, marca que a cinco días do peche do período de mínimas permite o acceso ao Mundial. Saleta ficou en 1,90, que é novo récord galego de salto de altura feminino e abre as portas á elite. A lucense de 22 anos adestrada por Ramón Torralbo ten agora un obxectivo a medio prazo: o 1,96 da mínima para os Xogos de Tokio do ano que vén.

Peleteiro competiu onte por baixo do seu nivel do último mes nun foxo que tampouco deu para grandes marcas en ningún dos demais concursos. Saltou 14,20, case corenta centímetros menos que hai dez días en París, pero chegará a Doha como quinta do ano cos 14,73 de Glasgow en marzo. As súas opcións de alcanzar a final son moitas, e competirá por unha medalla.

Pola súa banda, Adrián Ben mantense como cuarto na lista española do ano, con mínima para Doha (1.45.78) e á espera da previsíbel renuncia de Kevin López (campión onte dos 1.500) a competir nos 800. O pupilo de Arturo Martín empezara a tempada apuntando ao 1.500, a súa proba forte nas categorías base, pero as cousas saíronlle rodadas na distancia inferior. Foi o primeiro en conseguir a mínima e na final de onte só cedeu ante Mariano García, pero superando ao favorito. Todo indica que o podio de La Nucía (García-Ben-De Arriba) será o trío mundialista, un trío con aspiracións a colarse na quenda de semifinais. Desde 1999, cando Andrés Díaz acabou quinto nos 1.500 de Sevilla, ningún mediofondista galego volvera a un mundial.

Onte en La Nucía outros veteranos conseguiron medalla: Ester Navarrete, prata nos 5.000; Solagne Pereira, bronce nos 1.500; Frank Casañas, prata en disco; e Jean Marie Okutu, bronce en lonxitude. Mentres o velocista coruñés Mauro Triana puxo o ramo a unha gran tempada co bronce nos 200 metros lisos e Belén Toimil volveu ser prata no lanzamento de peso, desta volta coa súa mellor marca do ano. Tamén apañaron medalla a asturiana afincada en Vigo, Carmen Sánchez, prata na xavelina; e Leticia Gil, bronce na lonxitude. Total: once medallas.
 

Comentarios