Opinión

Pegadas do 8M

Nin os sectores políticos e mediáticos que quixeron neutralizar -mesmo recorrendo á caricatura- a convocatoria do 8-M foron quen de negar o espectacular éxito acadado polas organizacións feministas promotoras da xornada. As manifestacións rexistradas na Galiza tiveron un volume de asistencia que non se coñecía dende os anos 2002 e 2003 (catástrofe do Prestige e guerra de Iraque). Cunha diferenza moi relevante: naqueles episodios mobilizadores existían unhas causas inmediatas e conxunturais que explicaban a masividade das respostas mentres que agora estamos ante un salto cualitativo na traxectoria dun movemento que leva mais de catro décadas organizando iniciativas en defensa dos dereitos das mulleres.

A resposta deste 8 de Marzo deixa varios emprazamentos para o futuro. Os Parlamentos e os gobernos deberán acometer cambios legais e asegurar -con recursos humanos e materiais suficientes- o cumprimento cabal das normativas vixentes. Veremos se o PP e C's seguen coa leria descualificadora (“feminismo sectario, elitista, anticapitalista...”) ou recúan parcialmente por medo aos efectos electorais desa estratexia belixerante. Os diretivos empresariais enfrontanse, tamén, a un dilema importante nos vindeiros tempos: seguir mirando para outro lado ante a fenda salarial ou asumir que o obxectivo da igualdade non pode estar subordinado ao medre continuado na conta de resultados das súas entidades.

As manifestacións rexistradas na Galiza tiveron un volume de asistencia que non se coñecía dende os anos 2002 e 2003 (catástrofe do Prestige e guerra de Iraque)

 

O que se viviu estes días nas rúas, nos centros de traballo e, seguramente, en moitos fogares, certifica unha mensaxe explícita para o universo masculino: non será posíbel un horizonte igualitario se non hai cambios substanciais no rol que vimos xogando os homes nas relacións coas mulleres. A dificultade desa mudanza non pode aprazar “sine die” a realización dunha axenda de tarefas que camiñen nese obxectivo.

Ademais de todo o anterior, esta xornada singular serviu para cuestionar certas avaliacións unilaterais formuladas ao fío do conflito político existente en Cataluña. As tendencias involucionistas detectadas nunha boa parte das elites políticas e mediáticas non foron quen de anular as reservas transformadoras existentes en moitos sectores sociais que habitan fora do territorio catalán. Mais alá das diferenzas que afectan aos sentimentos de pertenza nacional, non sería verosímil imaxinar a resposta que coñecimos o pasado día 8 se o tecido social estivera decisivamente atrapado polo clima creado dende moitas tribunas políticas e columnas de opinión.

Comentarios