Pedro Sánchez acusa a Xunta de usar Alcoa como "instrumento electoral"

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, destacou que o Goberno e o Ministerio de Industria traballan "de xeito conxunto" para garantir a solvencia e o futuro das plantas de Alcoa 

Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez nun mitin do primeiro en Ourense ante as eleccións do 12 de xullo de 2020 (Imaxe: Rosa Veiga/Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez nun mitin do primeiro en Ourense ante as eleccións do 12 de xullo de 2020 (Imaxe: Rosa Veiga/Europa Press)

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, destacou que o seu gabinete e o Ministerio de Industria traballan "de xeito conxunto" para garantir a solvencia e o futuro das plantas de Alcoa e instou á Xunta a non utilizar este asunto como "instrumento electoral".

Nun mitin na Coruña ante o que se manifestaron os traballadores da planta de Alu Ibérica da cidade, antiga Alcoa, e nun contexto no que a multinacional anunciou o despedimento de 534 traballadores en San Cibrao (Lugo), Pedro Sánchez subliñou o compromiso do seu Executivo co futuro do emprego.

"Temos aos traballadores lexitimamente preocupados polo seu futuro inmediato e o que lle pido á Xunta é que non utilice a Alcoa como un instrumento electoral", manifestou o presidente do Goberno e líder do PSOE na Coruña.

Neste sentido, tras subliñar que o Goberno de España e o ministerio de Industria traballan polo futuro de Alcoa en Galicia e Asturias, apelou a "traballar conxuntamente" para darlle unha resposta á industria.

Precisamente, ao final do acto, os traballadores foron recibidos polo candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, quen escoitou as súas reivindicacións.

Comentarios