Pedro Barrié de la Maza, expulsado do rueiro de Sada

Seguindo a toponimia tradicional, recuperarase o nome do Pedregal para a avenida. Ademais, Barrié de la Maza deixará de ser fillo adoptivo de Sada e retirarase o seu nome do colexio localizado na parroquia de Mondego.
Anterior rúa Barrié de la Maza, que volverá a chamarse O Pedregal. (Foto: BNG)
photo_camera Anterior rúa Barrié de la Maza, que volverá a chamarse O Pedregal. (Foto: BNG)

A corporación municipal de Sada vén de aprobar a moción do BNG para retirar o nome de Pedro Barrié de la Maza do rueiro da vila. Optarase, no seu canto, pola toponimia tradicional recuperando a denominación do Pedregal para esta avenida.

A proposta saíu adiante con 12 votos a favor, de Sada Maioría, BNG, PSOE e Alternativa dos veciños. Só se manifestaron en contra os cinco representantes do PP.

Retiran ademais outras dúas distincións que se mantiñan a Barrié de la Maza, a de fillo adoptivo e a do colexio da parroquia de Mondego que leva o nome do significado franquista. 

Considérase que Barrié de la Maza (1888-1971), empresario e banqueiro, tivo un papel destacado no financiamento do exército de Franco para dar o golpe de Estado o 18 de xullo de 1936.

CFoi ademais creador en 1943 da empresa Fuerzas Eléctricas del Noroeste (FENOSA), fusionando a Fábrica de Gas y Electricidad con Electra Popular Coruñesa, expropiada a esta a prezo de saldo após o asasinato polo réxime do seu dono, José Miñones, avogado, empresario e deputado republicano, fusilado polo franquismo o 2 de decembro de 1936.

En 1939 Barrié pasaba a presidir o Banco Pastor, logo do falecemento de Ricardo Rodríguez Pastor, curmán do seu pai. Foi presidente, entre outras moitas empresas, de Astilleros y Talleres del Noroeste S.A. (ASTANO) e da Xunta de Obras do Porto da Coruña de 1944 a 1971. 

Así o conta o experto Manuel Monge no número do semanario Sermos Galiza publicado o 16 de xaneiro, que analizaba precisamente a relación desta figura coa depuración do persoal do Banco Pastor.

No texto, o coñecido activista pola memoria histórica falaba do posíbel "secuestro" dunha biografía que o relaciona non só co réxime, senón coa represión das traballadoras e traballadores do Banco Pastor logo do golpe de Estado.

Nos escritos que envía ao gobernador civil da Coruña, Barrié recoñece a súa participación na depuración dos empregados, ordenada polo Goberno Civil da Coruña, seguindo instrucións do Goberno de Franco instalado en Burgos e, como en toda a súa vida, maniféstase como servidor do franquismo.

Comentarios