Peculiar cancro ataca presidentes

Reproducimos, polo seu interese informativo e traducido para o galego, o artigo publicado esta cuarta feira polo psiquiatra e intelectual Rashid Sherif en aporrea.org
Chávez
photo_camera Chávez


Soubémolo através das revelacións de Wikileaks: hai 2 anos, Hillary Clinton enviou ao embaixador en Bos Aires unha mensaxe secreta para lle pedir que investigase a saúde da presidenta Cristina Fernández. Necesitaba saber os seus hábitos persoais, os seus gostos, como ela manexaba o estrés en relación co seu traballo e moi particularmente fixo esta pergunta: acaso tomaba algunha medicina e cal sería?

Por que será que a Xefa do Departamento do Estado estaba a indagar en secreto semellante información verbo da saúde dunha chefa de Estado?

Estrañas coincidencias: ao pouco tempo, á presidenta Cristina Fernández, que até agora gozara dunha excelente saúde, de súpeto se lle detectou un tumor da glándula tiroidea. Por sorte, soubemos logo que se tratou dun tumor benigno. Outro feito ocorreu de repente: o seu esposo, antigo presidente Néstor Kirchner, entón candidato outra volta á presidencia, tomara un café nun hotel na Patagonia onde acostumaba ir. Ás poucas horas, de noite, foi presa dun súbito malestar e morreu de infarto fulminante de miocardio. Outras noticias non menos surprendentes: o presidente de Paraguay, Fernando Lugo, tivo un cancro linfático. Tamén a presidenta Dilma Rousseff padeceu de cancro mentres estaba en campaña eleitoral. Ela era a antiga líder dun movemento de liberación nacional nos anos terríbeis da ditadura militar apoiada polos EUA, foi detida e torturada. A súa vez, o presidente Lula da Silva de súpeto sofreu de cancro, o seu pobo reclamábao para se presentar a futuras eleccións. O presidente de Venezuela, quen tiña perspectivas moi favorábeis para se candidatar por un novo período presidencial, sofreu unha e outra vez en recaídas dun tumor canceroso particularmente maligno.

Sofreron súpetas doenzas Cristina Fernández, Néstor Kirchner, Fernando Lugo, Dilma Roussef, Lula da Silva e Yasir Arafat

En fin, chaman a atención algúns casos. Eran e son chefes de Estado con antecedentes de boa saúde e con similares virtudes de seren portadores da esperanza dos seus pobos e até de continentes do Grande Sul, achegando o alento do cambio social, á vez enfrentándose con maior ou menor grao ás tentativas do Imperio dos EUA por os derrocar, os desprestixiar e por alentar conspiradores locais contra eles. Nunca deixou eses planos criminais, daí nace a sospeita na súa contra cada vez que surde un intento de golpe de Estado, unha manobra arteira dos seus aliados locais dereitistas. En suma, faise case evidente achar a súa man peluda ao descobrir esa cascata peculiar de cancros perseguindo chefes de Estado de orientación patriótica e anti-imperialista. De feito, é de coñecimento público que hai varios anos xa a CIA e o Pentágono, ao igual que o seu apéndice Israel, teñen desenvolvido e empregue en varias ocasións un tipo de armamento biolóxico letal cunha variedade de obxectivos.

Poucos anos atrás, Fidel, estando de regreso dunha viaxe oficial en Arxentina, sofreu de súpeto unha misteriosa hemorraxia interna que o puxo á beira da morte. Resucitou por milagre e grazas ao talento lendario dos médicos cubanos. Anteriormente, Yasser Arafat, acosado durante dous anos por constantes disparos de armas pesadas contra a súa residencia en Ramallah, cando se negaba a ser deportado segundo llo requería Sharon, foi vítima dun envenenamento fulminante dos seus glóbulos vermellos e nen sequer se puido diagnosticar o produto letal no hospital de París polos expertos médicos franceses. Morreu de súpeto. Hai unha investigación en marcha para esclarecer  a causa da súa morte.

A CIA e o Pentagono teñen desenvolvido e empregue, desde hai anos, armas biolóxicas letais

Nos últimos 50 anos, Fidel foi albo de arredor de 700 e máis intentos de asasinato (ten entrado xa nos anais de Guiness!!), incluíndo medios biolóxicos sofisticados preparados en laboratorios da CIA e o Pentágono, intentos de asasinato revelados quer por Wikileaks quer por outras fontes oficiais e xornalísticas.

Na historia non remota, cando non se tratar de golpe de Estado militar fomentado pola CIA sexa en Chile contra o presidente Salvador Allende ou máis recentemente en Honduras contra o presidente Manuel Zelaya, atopámonos cos intentos frustrados contra Evo e Correo. Non podemos esquecer tampouco os atentados disfarzados de accidentes de avión como aquel do que foi vítima o presidente de Panamá Óscar Torrijos, quen nacionalizou o Canal (!), ou o presidente progresista Samora Machel, de Mozambique. Noutros cenarios, foi o vil e covarde asasinato do Che e recentemente o horroros linchamento de Muammar Gaddafi. Estes grandes líderes eran dignos patriotas de países do Sul que se opuñan todos á dominación imperialista dos EUA.

A traxedia que mallou en nós coa morte altamente sospeitosa de Arafat hoxe abáfanos coa perda irreparábel do presidente Chávez e obríganos a perguntarnos: como ese odio do inimigo chega tan perto até atentar de forma insidiosa contra a vida do líder do pobo? Mentres a responsabilidade política e moral do crime recae directamente sobre as forzas dese imperio, a súa responsabilidade penal máis cedo que tarde hase tornar evidente a plena luz, perante o pobo e a Historia. Sexa por un vil atentado, sexa por unha enfermidade cancerosa insidiosa, sutilmente inducida, o desaparecimento brutal do líder vira a súa existencia en destino como mártir, heroe nacional, continental e até internacional. Chávez amaba a vida; á vez entregou a súa vida inteira ao seu pobo: pola súa loita e as súas ideias inmorredoiras vive e vivirá para sempre. A súa talla axigantada alumeará Venezuela e o camiño dos pobos na procura da súa liberación; vivirá na Historia que o devolve entre os vivos para continuar a guiar os seus pasos e espertar a súa vixiancia até a vitoria final.

Comentarios