Opinión

A pé de obra: O Anxo de Monteasnal (108)

Este ensaio, do que é autor o profesor Raúl Soutelo Vázquez, inclúe un xa de seu elocuente subtítulo: Investigación e didáctica da represión franquista en Galicia partindo da memoria oral dun home bravo que non se deixou cazar.

Aclaratorio e explicativo sintagma que trae á evocación a figura de Manuel Girón, con quen a peripecia do protagonista desta historia mantén máis dunha concomitancia.

Subtítulo que, asemade, permite xa achegar un aspecto salientábel deste traballo, como é a definición dos obxectivos propostos á hora de abordar a pescuda.

Dunha banda, partir da percepción da xente común que viviu a represión durante a guerra e a posguerra nun espazo concreto, co gallo de comprender mellor as mentalidades e os comportamentos estratéxicos na sociedade que padeceu e protagonizou a represión na retagarda galega neste período. E, doutra, facer visíbeis tanto os avances coma os puntos mortos deste proceso de investigación.

O obxecto desta esculca é Ángel Iglesias, un mozo de Monte Asnal –na parroquia de Trasalba–, quen, en defensa lexítima, matou o alcumado “portugués da Saceda”, xefe dun criminal grupo de falanxistas na freguesía de Palmés, do entón concello de Canedo, nas terras de Amoeiro.

Como, no limiar, sinala Rafael Rodríguez Villarino, ata hai pouco alcalde deste concello, a lenda do protagonista deste traballo forxouse ao conseguir fuxir das gadoupas da morte cando ía ser paseado. E hai que dicir tamén que, a presente obra, conta cunha colaboración do profesor Xulio Prada Rodríguez.

Ao analizar con detalle este libro é doado decatarse da importancia de enxergar esta temática coa perspectiva da microescala. Para fomentar a reflexión sobre as consecuencias da violencia como instrumento político exercido por ideoloxías fascistas e xenófobas. E, asemade, para restituír a memoria das vítimas do franquismo e instaurar o respecto cara a quen sufriu duras consecuencias por se comprometer na construción dunha sociedade libre e democrática.

Outro ángulo fundamental de esculca é o relativo á asunción social do discurso dos vencedores da guerra –se ben en Galiza o que houbo foi barbarie incivil–. Nisto resultou decisivo o adoutrinamento da escola franquista e a propaganda tanto do Estado coma da Igrexa durante toda a posguerra.

A sistemática aplicación das políticas da desmemoria social, unido á invención de narrativas revisionistas ou negacionistas, equiparadoras –dende unha aséptica falacia de imparcialidade por parte de supostos historiadores– de vítimas e verdugos, serviulles, como ben se sinala, “para evitar enfrontarse a procesos públicos semellantes ao da desnazificación de Alemaña e mantérense no poder político e social ata o presente”.

Pois no punto de mira das forzas reaccionarias decote estivo presente –na retagarda– a supresión social do considerado inimigo. De aí que resulte de todo atinado chamarlle xenocidio á violencia exercida en Galiza polos sublevados dende o 36. Xa que logo, como ben se debulla nesta publicación, o Estado franquista foise construíndo, nas zonas que dominaba, grazas á estratexia do terror.

Mais a violencia xenocida tivo unha racionalidade instrumental ou utilitarista, de xeito que cada represaliado deixaba un posto laboral libre que ocupaban os partidarios dos sublevados, nunha dinámica substitutoria que fomentou a perpetración dos crimes.

Ademais “as sancións económicas, os expedientes de responsabilidades civís e políticas, as multas gobernativas, as fianzas e todo tipo de sobornos formaron parte dunha fría lóxica de aproveitamento dos recursos derivados da supresión social, por morte ou cadea, dos represaliados”.

Tiven a fortuna de coincidir, hai xa ben anos, con Raúl Soutelo nas aulas dun centro de ensino. Mercé ao traballo conxunto desenvolvido, agromou, en 2006, a –naquela altura pioneira– publicación O ano da memoria na escola.

Vén isto a conto porque, a xeito dunha proxección concreta daquel ensaio pedagóxico que entrambos levamos a cabo, n’ O Anxo de Monteasnal apélase, nun tan útil coma interesante capítulo final desta monografía, á necesidade dunha didáctica da violencia política para educar os cidadáns do presente século.

Así, entre as diversas propostas de aproveitamento, contan os testemuños orais de persoas “comúns”, que serven de exemplo nidio para a cidadanía actual do que supuxo o xenocidio político perpetrado na retagarda franquista.

Ou a cuestión dos crimes de xénero. A través dos cales analizar a crueza e a brutalidade dos abusos cometidos contra as mulleres.

Malia perderen a guerra, como ben se indica: “Tiveron un papel fundamental na salvación dos homes detidos ou fuxidos das súas familias, na reconstrución das redes sociais que alicerzasen un novo proxecto de vida ou, simplemente, de supervivencia, para elas e os seus familiares”.

Comentarios