Opinión

Paz+Ciencia

Foi o meu amigo Caruncho quen, nunha época angustiosa para min, me aprendeu a xuntanza destas dúas palabras, Paz+Ciencia. Nese xogo, aparentemente sinxelo, latexaba unha filosofía de vida á que me agarrei e que xurdía nesa palabra vella cun novo significado. Esta nova Paz+Ciencia, nada tiña que ver con palabras como resignación ou con feitos como aguantar o que che boten ou como asumir simplente que a vida é así, que estaba escrito ou que isto ou aquilo é o que che toca. Nada que ver con “mexan por nós e hai que dicir que chove”. Nada que ver coas malas decisións políticas que ten que soportar a cidadanía e que lle provoca un sentimento de impotencia ou de indignación. Nada que ver co significado que leva a palabra e que sente algunha parte da cidadanía, poucos días despois de ter votado nunhas eleccións, sen recapacitar, por castigo, frivolidade ou sen ter unha razón, cando descobre que a formación política que axudou a instalar no goberno ten que asumir responsabilidades e isto non formaba parte da súa axenda política.

Votar ten consecuencias, non vale, “ter paciencia, son catro anos”, a xestión dunha crise pode rematar con moitos dereitos conseguidos como cidadanía en materia laboral, na sanidade ou na educación. Dereitos que gañou quen no obedeceu, quen non se conformou e loitou para o ben común e contra esa paciencia resignada, sometida, asolagada, asoballada. Esta Paz+ciencia que eu aprendín ten outros valores.  Xullo chegou para nos botar de novo á rúa, para nos facer crer que coa plenitude do verán, xa acabara todo e todo volvía ser coma sempre, co bo tempo, coas praias, cos montes, coas aldeas e cos camiños que re-descubrimos e recuperamos. Este aquí parece que non pasa nada e necesario autoengano, que nos afastou dos pensamentos, dos medos, do terror, vividos nos tres meses anteriores, como se todo iso puidese ir de vacacións, tamén lle afectou á boa parte de quen tiña unha responsabilidade política, de quen debía programar, organizar o regreso a setembro, que ía ser moito máis que a volta ao colexio, da que nin se atreveu a falar El Corte Inglés, moito máis que o regreso á vivenda da cidade, se a hai, e ás citas programadas coas médicas e médicos, se as hai.

E todo é volver á primavera pasada neste outono Nesta situación de regreso ás aulas, de confinamentos, de atendemento da saúde por teléfono, de militares amábeis que nos chaman para saber como estamos e se estamos onde temos que estar. Por experiencia propia quero empregar esas palabras. Paz, como sinónimo de calma, de quen ben, mellor ou como pode, nos atende do outro lado do teléfono. Calma, pode que non poida máis, que non teña máis medios e que os estea pedindo todos os días. Paz, coas persoas da sanidade, coas persoas limpadoras e paz cos ensinantes, están onde teñen que estar. Ciencia, que é o que debemos esixir, apoio á investigación, á medicina, á sanidade pública, ao ensino público, primeiro chanzo nesa sabedoría. Paz, calma para asumirmos tanto dó, pola vida sen a máscara que perdemos. Ciencia para apostarmos pola vida: sabedoría e saúde. Nada que ver coa paciencia da parvidade de “la Toja”. Paz+Ciencia para gañarmos en dereitos e en saber.

Comentarios