A patronal galega convoca eleccións para o 24 de novembro

A Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) busca quen ocupe a presidencia case tres anos despois da marcha de Antón Arias.
Antonio Fontenla, portavoz da CEG (Europa Press).
photo_camera Antonio Fontenla, portavoz da CEG (Europa Press).

A Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) vén de convocar asemblea xeral para o vindeiro 24 de novembro, que terá como único asunto da orde do día a elección á presidencia á patronal galega. Así o decidiron "por unanimidade" os órganos directivos da institución nas reunións mantidas esta terza feira de forma telemática, segundo apuntan desde a patronal.

Tamén aprobaron de maneira unánime as liñas de actuación para o diálogo social e a información sobre as contas da patronal galega.

Como explica a Confederación de Empresarios da Galiza nun comunicado, no que respecta ás propostas para a elección, "unicamente poderán ser presentadas por organizacións integradas na mesma ─confederacións provinciais ou asociacións sectoriais─, permitíndose a cada organización presentar unha soa candidatura".

"Ademais, as persoas aspirantes deberán ser membros da Asemblea Xeral da CEG", en consonancia cos estatutos da patronal, que tamén estabelecen que se poderán presentar candidaturas até o sétimo día anterior ao da elección.

Tres anos sen presidente

As eleccións á presidencia da patronal vanse desenvolver case tres anos despois de que dimitise o seu último presidente, Antón Arias, en xaneiro de 2018.

Desde entón, a CEG está dirixida pola xunta de vicepresidentes, da que se desmarcou a patronal de Pontevedra e na que Antonio Fontenla exerce de portavoz.

En 2019 abriuse un proceso electoral que non se chegou a realizar ante a falta de candidatos. O 30 de abril era a data fixada para uns novos comicios que a Covid-19 fixo demorar até o vindeiro 24 de novembro.

Comentarios