Falta de transparencia nas contas

A patronal galega acusa a de Pontevedra de danar a súa imaxe e prestixio

A Confederación de Empresarios de Galicia acusa a de Pontevedra de estar causando un grave dano á súa “imaxe e prestixio” debido á decisión desta última de abandonar o ente galego denunciando unha xestión non transparente.

confederacion enmpresarios
photo_camera Sede da CEG

A patronal galega representada na Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) acusa á entidade homóloga en Pontevedra de estar a danar “a súa imaxe e prestixio”.

A Confederación de Empresarios de Pontevedra decidiu separarse do ente galego e afastarse de toda participación dos seus órganos colexiados en temas que tivesen vinculación con asuntos económicos internos da CEG.

Cebreiros afirmou que a marcha é para evitar responsabilidades nunha xestión que non é transparente e que podería terminar “contaminando” as e os directivos da CEP

A decisión debeuse, en palabras do presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, á intención de evitar responsabilidades nunha xestión que non é transparente e que podería terminar “contaminando” as e os directivos da CEP no caso de calquera problema económico que poida darse no seo da confederación galega, e acusou a esta de non ter presentado as contas do 2018 e de non informar do estado financeiro en 2019.

Pola súa banda, a CEG asegurou nun comunicado que a súa información económica e contábel está "ao dispor das organizacións membro, entre as que se atopa a CEP, que coñece de primeira man cal é o estado financeiro, polo que non pode falar de opacidade na organización a este respecto", cita o comunicado. Asegura tamén que o borrador de contas de 2018 foi trasladado ás vogalías do órgano de goberno da CEG e incluído na orde do día da xunta de vicepresidencias que se realizou no mes de marzo.

A patronal galega tamén retruca á pontevedresa, asegurando que está a cumprir “puntualmente con todos os seus compromisos e obrigacións de pago” e que se atopa nunha “absoluta solvencia económica”.

Desde a patronal pontevedresa, Cebreiros afirmou ao dar a coñecer a marcha que a decisión de apartarse non implica unha baixa, mais si abandonar e oporse a todo aquilo co que non están de acordo e que a CEG e os seus integrantes non fan, que é cumprir coa “claridade e transparencia nas contas”.

Comentarios