A patronal española pide a Rajoy pagar soldos por baixo do convenio

Nun escrito remitido ao executivo español a CEOE demanda contratación temporal sen causa e salarios inferiores ao fixado nos convenios.

Rajoy na asemblea da CEOE
photo_camera Rajoy na asemblea da CEOE

A patronal española representada na CEOE remitiu un documento ao goberno de Mariano Rajoy para incorporar as súas demandas ao bosquexo do Plan nacional de reformas de 2015. Un feito que responde á propia petición de Moncloa. 

Na súa proposta, a confederación de empresarios insta o executivo español a autorizar o pagamento de salarios por baixo do fixado no convenio colectivo, unha demanda que di é "imprescindíbel" para a "recuperación económica" e a "creación de emprego". No plano laboral a CEOE pide tamén a creación dun contrato temporal sen causa que poida prolongarse durante un período de tempo máximo de dous anos --unha volta de porca ás sucesivas reformas laborais aprobadas en 2011 e 2012. 

Até o de agora esta modalidade contractual só podía estabelecerse a razón dunha obra ou servizo determinados, por circunstancias da produción ou con motivo da substitución dunha traballadora ou traballador con praza en propiedade (interinidade). 

Aliás, instan a Rajoy a crear un outro contrato de formación que permita o pagamento de salarios por baixo do límite fixado polo convenio colectivo. 

Asemade, nas exixencias patronais inclúense a supresión de numerosos impostos territoriais, nomeadamente vencellados a cuestións mediomabientais. 

Comentarios