A patronal do metal carga contra Alcoa e pide “unha saída” para a factoría

Desde a patronal do metal critican que Alcoa “poida pretender reducir a capacidade produtiva do noso territorio para subir con iso o prezo do aluminio”.

Fábrica de Alcoa en San Cibrao

Tamén Asime, a patronal do metal, carga contra Alcoa. O secretario xeral da asociación patronal, Enrique  Mallón,  sinalou que “se non lle resultou de interese a oferta de  Liberty House, Alcoa debe polo menos negociar con boa fe e facer todo o necesario para transmitir a planta á  SEPI, non aceptaremos outra saída, é inadmisíbel a actitude da empresa”.

Desde a patronal do metal critican que Alcoa poida pretender reducir a capacidade produtiva do noso territorio para subir con iso o prezo do aluminio. “Podemos respectar os intereses privados de Alcoa, pero o interese empresarial debe ir ligado a unha competencia xusta. Non consentiremos que se prexudique ao propio sector do metal e á industria galega en xeral polos intereses particulares dunha empresa en concreto”.

“Non se lle pide a Alcoa que perda negocio, pídeselle que asuma a súa responsabilidade compartida. Despois dos beneficios que lle deu esta comarca e o apoio dos gobernos en subvencións e axudas millonarias, o mínimo esixible é que facilite a transmisión da planta, sexa a un investidor privado ou á  SEPI, pero esa capacidade produtiva debe quedar na Galiza”, engade.

Desde Asime lembran que o peche da planta e o ERE proposto agora pola empresa afectaría a 500 empregos directos e a máis de 1.200 indirectos, impactando en moitas actividades do sector do metal como son as construcións e estruturas metálicas, a automoción ou o naval. “Trátase dunha planta estratéxica en termos de emprego da que ademais depende o 80% da poboación da comarca da Mariña, é inadmisible perdela”.

Comentarios