Patrimonio autoriza a Repsol a construción do poliduto

A autorización por parte de Patrimonio permite iniciar os traballos do poliduto
Porto exterior de Punta Langosteira. (Foto: Autoridade Portuaria da Coruña)
photo_camera Porto exterior de Punta Langosteira (Autoridade Portuaria da Coruña)

A petroleira Repsol avanza no seu traslado desde o porto interior da Coruña ás instalacións de Punta Langosteira. A dirección Xeral de Patrimonio Cultural vén de autorizar o proxecto de extracción, traslado e recolocación dos petróglifos de Nostián, o afloramento arqueolóxico que foi descuberto no trazado do futuro poliduto que quere construír Repsol para conectar a súa refinería co Porto Exterior da Coruña.

Trátase dun proxecto necesario para conseguir a autorización da obra e que foi presentado pola refinería co obxectivo de protexer o conxunto antrópico e natural formado por dous gravados circulares que, aínda que non son perceptíbeis a simple vista, están asociados a un conxunto de cazoletas de orixe natural. 

O proxecto de promovido por Repsol busca a mellor solución técnica que permita, ao mesmo tempo, manter a integridade do afloramento arqueolóxico no seu emprazamento orixinal. Dividido en sete fases, o proxecto conta cun prazo de execución previsto de 50 días e está organizado como unha intervención interdisciplinar na que participará un equipo de profesionais composto por arqueólogos, restauradores e canteiros. Ademais, realizarase unha posta en valor mediante sinalización e incorporación de paneis informativos. 

A autorización de Patrimonio permite iniciar os traballos para a construción do poliduto, pendente tamén da correspondente licenza do Concello da Coruña. 

Obras complementarias

Ao tempo que avanza a construción do poliduto (as conducións que transportarán os distintos hidrocarburos desde a refinaría até o porto exterior) faino tamén a obra civil mariña no porto exterior de Punta Langosteira, afectadas polo parón provocado pola Covid-19.

A petroleira conta ademais coa licenza do Concello de Arteixo  para a construción da terminal de graneles líquidos, cun investimento de 18,7 millóns, que se suman aos 25,4 millóns do peirao para petroleiros.

Unha vez autorizado por Patrimonio, as obras de construción do poliduto contan cun prazo de execución dun ano. Se se cumpren ditos prazos e non hai novos atrasos, Repsol podería consumar o seu traslado á dársena exterior a finais de 2021, tres anos e medio por riba da primeira estimación.

Comentarios