Os partidos teñen prioridades opostas ante uns novos Pactos da Moncloa

Ante a crise que vén, a causa dos efectos da pandemia na economía, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou xa a súa intención de formular uns novos Pactos da Moncloa. Nós Diario conversa con representantes dos partidos sobre o que supuxeron eses acordos e a necesidade ou non de reeditalos. 
 

O Executivo español reiterou onte a todos os partidos a súa oferta de reeditar un acordo semellante aos Pactos da Moncloa de 1977 (Imaxe: Europa Press)
photo_camera O Executivo español reiterou a todos os partidos a súa oferta de reeditar un acordo semellante aos Pactos da Moncloa de 1977 (Imaxe: Joaquin Corchero)

25 de outubro de 1977 nacían os Pactos da Moncloa coa sinatura das forzas da dereita e a esquerda estatal (UCD, AP, PSOE e outras formacións que nel se integrarían, e PCE), PNV e CiU. Contaron tamén co beneplácito de UXT, CCOO e a patronal. 

O Estado respondía con estes pactos a dúas crises, unha política, após a ditadura, coa disxuntiva entre ruptura ou reforma; e outra económica. Había gran destrución de postos laborais e a inflación disparárase, causando fonda perda de poder adquisitivo na clase traballadora. 

Aos pactos enfrontáronse as forzas políticas e sindicais que defendían a ruptura democrática coa ditadura. De feito, o movemento nacionalista galego mobilizouse contra os acordos acusándoos de implicar unha perda do poder adquisitivo da clase traballadora, a flexibilización do despedimento e o asentamento dun sistema económico inxusto e a nivel fiscal non progresivo, lembra o actual deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. 

Sen consenso no presente

O presidente do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, sinala que en 1977 "a norma da política era buscar acordos". Agora, porén,  a dereita "procura acentuar as divisións".

Con todo, Leiceaga considera que uns novos Pactos da Moncloa si serían posíbeis dado que a situación excepcional de crise facilitaría alcanzar consensos.

"O PP chegará ao acordo se hai un compromiso de sindicatos e empresarios", sinala. Leiceaga remarca ademais unha novidade respecto a 1977, que son as comunidades autónomas. "As autonomías son un axente social, político e económico de primeira magnitude e hai que incorporalas ao acordo, porque se non os pactos non terán eficacia", subliña. 

Néstor Rego ve as forzas estatais lonxe das medidas que o  nacionalista considera precisas para Galiza, polo que alerta de que o novo pacto non será beneficioso, "menos aínda se inclúe as tres dereitas".

Nese sentido, Rego remarca urxente para enfrontar a crise recuperar os 60.000 millóns "cos que se rescatou a banca", estabelecer unha política fiscal progresiva "para que pague máis quen máis ten", gravar as grandes fortunas e empresas e "nacionalizar as grandes corporacións dos sectores estratéxicos, tales como a banca, a enerxía ou as telecomunicacións".

Rego amósase escéptico ante a posibilidade de que o Goberno do Estado camiñe nesa dirección. "Nós, en todo caso, imos defender esas medidas", di. 

Sobre as prioridades para enfrontar a crise, Leiceaga sinala tres grandes bases sobre as que se deberían erguer os novos pactos: "reforzar o sistema sanitario e a capacidade de intervención social para que os grupos máis desfavorecidos pola crise poidan atravesar as dificultades e garantir que a recuperación económica sexa rápida, o que vai exixir atender ámbitos máis vulnerábeis como o turismo ou a hostalaría, pero tamén accións horizontais para todos os sectores, dando facilidades de acceso ao creto para favorecer o investimento".

Antón Gómez-Reino, portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas e deputado no Congreso, considera que o contexto é completamente diferente ao de 1977, e que agora “debemos camiñar cara a un cambio de modelo” que poña "o público no centro, protexa as e os traballadores e implique unha mudanza total do modelo produción, de consumo, composición do traballo e de sociedade.

Este vai ser o debate de fondo que haberá nos próximos meses”, sinala Reino. Por iso, “sendo positivo que se dean acordos parlamentarios que fagan efectivos dereitos", o fundamental para Reino é o debate de fondo que se precisa sobre o cambio de modelo.

“Diálogo social sempre”, destaca o deputado do PP por Ourense Celso Delgado ante a crise que hai que afrontar. Porén, sinala que as palabras de Pedro Sánchez sobre a reedición duns Pactos da Moncloa “non parecen moi sinceras xa que durante 15 días o presidente non falou co líder do PP sobre as medidas a tomar. Non parece o mellor método para falar de pactos, mais o PP está á expectativa”, sinala.

Delgado tamén alerta de que algunhas formacións van empregar o contexto de crise "para formular un cambio de réxime", cuestión á que se opón. Con todo, afirma, “non hai que ir a 1977 para buscar consensos e saídas á crise, pois vémolas en 2012 e 2013”, afirma en referencia á etapa de Goberno de Mariano Raxoi.

Comentarios